Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Ministerio elude a coordinación coa Consellaría de Cultura

O goberno español impón liñas de contido pero evita compromisos de financiamento co Gaiás

Vai para ano e medio que a Consellaría de Cultura presentou o primeiro guieiro de contidos para a Cidade da Cultura. Paradoxalmente, sen ter en conta as liñas xa estabelecidas para o proxecto, desde Madrid trasladan agora por vía indirecta vagas recomendacións aínda que sen aval financeiro.

Redacción - 09:30 08/08/2007

Na altura de 2010 agárdase que o Museo de Ciencia e Tecnoloxía, con sede na Coruña, estea en funcionamento. Mentres, en Santiago, a Cidade da Cultura conta co aval publicitario do executivo estatal pero sen plans concretos de colaboración.

Así se puxo de manifesto esta semana en Compostela, onde a xuntanza entre o presidente da Xunta e o ministro de Cultura, o coruñés César Antonio Molina, rematou co destaque dunha hipotética colaboración dentro de tres anos para o estabelecemento dunha serie de actividades relacionadas coa conmemoración do "bicentenario da independencia americana".

Mentres, o equipo que traballa no despregue do proxecto do Gaiás, descoñece calquera plan ao respecto. Ao tempo, descoñécese o sentido en que as indefinidas liñas do que desde o goberno español cualifican como "proxecto de Estado", implicarán para unha iniciativa na que o Goberno, desde a Consellaría de Cultura, veu traballando polo miúdo e con plans específicos de actividade.

Ao fío do anuncio realizado xa no seu momento polo presidente español, José Luís Rodríguez Zapatero, desde Cultura indican que calquera inxección económica suplementaria posíbel "sería benvida", pero insisten: "a Cidade da Cultura non é un proxecto de Estado, senón un proxecto galego".

O PSdeG pídelle a Feijoo que "depure responsabilidades"
Recordábanlle os socialistas este martes ao presidente do PPdeG que no seu partido e en activo mantéñense políticos que participaron directamente "no desbalde da Cidade da Cultura". "Como recoñece o propio Núñez Feijoo, o proxecto do Monte Gaiás non tiña consideración de proxecto de Estado, senón máis ben de chiringuito do Partido Popular, como se desprende da lectura do informe do Consello de Contas", indicaba Xaquín Fernández Leiceaga, deputado do PSdeG.

Os socialistas afirman estar satisfeitos polo "alto grao de compromiso" que consideran que expresou o goberno español respecto do proxecto da Cidade da Cultura. Ao fío, repróchanlle aos populares que "sexan agora capaces de taxas as axudas que seica debe recibir a Cidade da Cultura". Leiceaga recordoulle a Núñez Feijoo que cando tiña altas responsabilidades de goberno en Galiza e contaba cunha Administración que "chamaba amiga" en Madrid "non foron quen de atopar un apoio definido ao proxecto para recabar o apoio do Estado ou da UE, aínda que o tivesen proxectado".

O PPdeG considera que Touriño "aparta definitivamente" a consellaría
"A partir de agora serán o PSOE e o goberno español os que tomen as rendas do proxecto de Gaiás", avalían desde o Partido Popular. O deputado Ignacio López Chaves ironizou sobre o descoñecemento da Consellaría de Cultura sobre os plans debatidos directamente polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, co Ministerio de Cultura, afirmando que alén da "ponte da península con Iberoamérica a única ponte que parece coñecer a conselleira é a que lle están a facer o presidente e o ministro de Cultura".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: