Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG esixe compromisos de investimento "concretos"

O Gaiás será proxecto de Estado se o goberno español "financia a terceira parte"

"Asumimos as críticas, aínda que haberá cousas coas que esteamos máis ou menos de acordo", concedeu Núñez Feijoo sobre o informe da Cidade da Cultura elaborado polo Consello de Contas.

Redacción - 09:30 07/08/2007

Os populares decidiron levar ao Parlamento unha proposición non de lei coa que solicitan que a Xunta negocie co goberno español para conseguir fondos que "permitan a participación compartida nas obras da Cidade de Cultura". Explicouno este luns Alberte Núñez Feijoo, presidente do PPdeG, indicando que a visita do ministro de Cultura, César Antonio Molina, sería a oportunidade axeitada para comprometer "un terzo do financiamento" da Cidade da Cultura. "Só así podería entenderse que é un proxecto de Estado", espuxo Feijoo.

Considera o PPdeG que o executivo español estabeleceu precedentes de colaboración económica con outros proxectos culturais de grandes dimensións, caso do Forum Internacional das Culturas Barcelona 2004. Así, solicitan que se involucre agora no financiamento do proxecto galego.

Ademais, o PP cualifica de "errático" o comportamento do Goberno con respecto ao proxecto do Gaiás, criticando que das descualificacións, críticas e da paralización das obras "durante os dous primeiros anos desta lexislatura" agora o presidente da Xunta "mudou a súa opinión declarando que a Cidade da Cultura está chamada a converterse no icono visual da Galicia do século XXI".

Por outra parte, Alberte Núñez Feijoo concedeu certo grao de responsabilidade nos déficits e desacertos sinalados polo informe do Consello de Contas ao respecto do Gaiás, comentando que "non é o expediente do que nos poidamos sentir máis orgullosos". Con todo, dixo entender que a análise do Consello tamén involucraría ao bipartito, "xa que as críticas do organismo fiscalizador se estenden ao primeiro ano de goberno de socialistas e nacionalistas". "Supoño que farán algo de autocrítica", afirmou. De paso, criticou tamén o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recordando que formaba parte do Padroado da Cidade da Cultura. "Como é posíbel que non asuma ningunha responsabilidade?", reprochoulle. "Supoño que algún tipo de responsabilidade subsidiaria terá", opinou Feijoo.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: