Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Do 12 ao 15 de agosto

Quince anos da mellor música europea na fronteira

O que comezou sendo “unha brincadeira entre amigos”, como lembra José Barreiro, rematou por se converter nunha das citas de referencia do verán. O organizador do Festival Paredes de Coura falou con Vieiros.

Redacción - 16:30 04/08/2007

Nas tres primeiras edicións, esta brincadeira na praia fluvial de Tabuão reunía grupos emerxentes do panorama portugués. Foi a partir da cuarta cando decidiron, perante a demanda do público e a cada vez maior difusión do festival, “internacionalizalo”. A seguir comezou unha carreira imparábel, “unha bóla de neve”, que hoxe xa ten quince anos de experiencia ás costas.

Para celebrar este aniversario, este ano preséntanse novidades, como o escenario Ibero Sounds: tres grupos do Estado español e tres portugueses, un deles cada día. Dende Galiza, The Blows e 6 PM, ademais dos madrileños Born a lion. E dende a outra beira do Miño, Slimmy, Mundo Cão e The Right Ones.

Os outros escenarios tampouco teñen desperdicio ningún: o After Hours, como o seu propio nome indica, ofrece dance e electrorrock aos públicos máis incombustíbeis, que non teñan gana de marchar para a tenda nin a últimas horas da mañá e sigan a pé até que o corpo aguante. Pola outra banda, quen prefira o jazz pode gozar del polas tardes no Palco Ruby. E tamén haberá un ciclo de cinema.

Os pratos fortes


Este ano, sen dúbida, son nomes como Sonic Youth, Dinosaur Junior, os BabyShambles, “que escolleron Paredes como o seu único bolo fóra de Inglaterra este ano”, os grandes atractivos do cartel. Tamén os brasileiros Cansei de ser sexy, Architecture in Helsinki, Gogol Bordello, M.I.A., Sunshine Underground, ou Peter Bjorn and John pasarán polo escenario Heineken.

A idea é seguir a promocionaren os grupos portugueses, pero cun son “internacional”, apostas arriscadas. “O primordial é a calidade, e agora, en Portugal, grazas a plataformas como My Space danse a coñecer unha chea de grupos que teñen moita proxección internacional”. A composición é, máis ou menos, un 50% luso e outro 50% de fóra.

Unha mostra da cada vez maior conexión entre grupos galegos e portugueses, “resposta dos promotores a unha demanda do público: existe unha grande identidade cultural que abrangue dende Porto até Coruña, e promueve este tipo de audiencia”. A colaboración entre músicos dunha beira e doutra do Miño xa era común no ambiente do folk, pero vai agromando noutros estilos. Con todo, é un movemento que sae da iniciativa privada. “É necesario un esforzo das institucións para darlle pulo”.

Un festival quinceleiro que segue madurando

En quince anos cambiou a escena, cambiou a proxección e cambiou o público “se antes a xente que viña ao Paredes tiña entre quince e vinte anos, e a música era máis agresiva, máis dura, agora xa atopamos que o groso do público é de entre 25 e 30 e cunha maior variedade de estilos.” De festival “metaleiro” para adolescentes a unha das citas de referencia do verán en Europa: “o público é coñecedor da boa música e valóraa, é un público ao que lle gusta a novidade.

Barreiro lembra momentos cumio ao longo da súa historia: na edición do 99 chegaron ás 20.000 persoas, e a partir de aí comezou o auxe. Tres anos despois, Korn ou Incubus foron un reto de produción, e asentaron as bases dun momento en que o festival medrou tecnicamente. O 2005 é a mellor edición que lembra, con Nick Cave ou Queen of Stone Age en cartel.

A de este ano non ha ter nada que envexarlle. Un ano máis, Paredes de Coura agarda por nós, para pasarmos catro días arrodeados da mellor música. Aínda estamos a tempo de coller os billetes (40 € para un día, 70 € o abono para os catro días), na propia web do Festival ou por medio de Ticktackticket.com.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: