As dez cancións escollidas polo xurado coñeceranse durante a emisión do programa Extrarradio, da Radio Galega, para que os internautas poidan comezar a votar entre elas.
Este sábado 4 de agosto, ao mediodía, farase pública a listaxe das 10 cancións finalistas de A Polo Ghit! 2007. O xurado, composto por Luís Queimada, Vincent Jalo, María Yáñez e Xavier Campos, escolleu, conforme aos seus criterios persoais, que temas merecen pasar á derradeira peneira.
Á hora de decidir os finalistas, tamén se tivo en conta a participación do público, cos votos e a cantidade de descargas de cada un dos 52 temas presentados ao concurso. Estes datos serviron para desfacer os posíbeis empates, e volverán valer á hora de decidir o vencedor.
O 18 de agosto coñecerase cal é o ghit galego do 2007. Tamén haberá un premio, cando menos moral, para o máis votado na web, por ser a canción máis popular desta segunda edición do concurso.