Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Chega o movemento veganosexual

Relacións frustradas pola carne

Un traballo neocelandés detecta un novo grupo social que evita practicar o sexo con carnívoros.

Redacción - 11:51 01/08/2007

Un estudo da universidade de Canterbury, en Nova Celandia, detectou a existencia dun novo movemento social: os veganosexuais. O traballo pretendía coñecer a actitude dos habitantes do país antípoda do noso fronte á crueldade animal. Para iso, preguntóuselles a 157 veganos, vexetarianos, peixetarianos e carnívoros pola súa visión de aspectos como a pesca, as carreiras de cabalos ou mesmo a súa propia vida sexual.

A conclusión máis sorprendente do estudo, do que informa The Independent, foi que moitas das persoas que profesan o veganismo, nomeadamente mulleres, rexeitan manter relacións sexuais con consumidores de carne. A directora do informe, a doutora Annie Potts, creou o termo veganosexual para denominar este grupo social descoñecido até o momento.

Os testemuños recollidos para o traballo son moi variados, aínda que a meirande parte das persoas entrevistadas consideraban o noxo como o principal motivo para non se relacionaren con carnívoros. O desgusto de bicar beizos polos que pasou carne animal, o pensar en entrar en contacto cun corpo “feito dos corpos doutros que morreron para a súa alimentación”, ou o feito de convivir con alguén que consumise ese tipo de produtos botaron atrás moitas posíbeis relacións.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: