Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'As políticas culturais nas sete cidades galegas'

Descoordinación e orzamentos escasos frean os proxectos culturais das cidades

Editado na serie 'Documentos e informes' do Consello da Cultura, foi presentado o estudo sobre as políticas culturais nas urbes do país. Asistiron o director da análise, o profesor de Socioloxía da Universidade de Vigo, Xan Bouzada, e o presidente do Consello, Ramón Villares.

Redacción - 17:22 31/07/2007

Demostra como os ámbitos urbanos "están a tomar conciencia da transcendencia que os equipamentos, programacións e políticas culturais en xeral representan para o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento social e económico", como explicou Xan Bouzada. Pola súa banda, Ramón Villares, presidente do CCG anunciou a futura publicación doutro estudo sobre todo o ámbito municipal galego, e non só o urbano.

Contidos do informe


O informe está estruturado en varios bloques temáticos: a xeito introdutorio e metodolóxico, analiza o marco teórico de análise das políticas culturais; a seguir, analiza o fenómeno de municipalización da cultura e da creación de políticas culturais urbanas.

Entra despois en detalle analizando a situación cultural das sete cidades galegas, baseándose nunha serie de datos a través das diferentes áreas culturais: museos e arquivos, bibliotecas públicas e produción editorial e de xornais, espazos e actividades escénicas, e sector audiovisual. E finalmente afonda nos hábitos culturais da cidadanía. A seguir, un novo apartado analiza o funcionamento do departamento cultural de cada Concello.

O groso do informe intégrao a análise pormenorizada de cada unha das cidades: as políticas culturais e obxectivos, as demandas, carencias e prioridades, os eixos que centran a actividade cultural municipal e as dotacións, a perspectiva dos axentes culturais da cidade, unha valoración da política, e finalmente, propostas e alternativas.

Metodoloxía

Para elaboralo, empregáronse bases de datos culturais, estatísticas orixinais, enquisas e entrevistas a distintos axentes culturais e a responsábeis políticos culturais municipais. Este traballo de campo foise desenvolvendo ao longo do ano 2005, e o informe foi redactado nos primeiros meses do 2006.

Resultados

Destacan as feblezas e fortalezas de cada unha das sete cidades: no caso da Coruña, é salientábel a dispoñibilidade de infraestruturas culturais, educativas e deportivas, e o orzamento destinado a cultura, ademais da especialización nos servizos culturais do Concello. O problema é humano: a falta de recursos de persoal e a baixa participación asociativa.

En Ferrol acontece o contrario: hai unha actitude moi positiva en canto á percepción da política cultural como un elemento de desenvolvemento urbano, e unha boa relación entre o Concello e as asociacións. Pola contra, faltan equipamentos, infraestruturas e actividades relacionadas coa imaxe e as artes plásticas, ademais de que é necesario maior apoio financeiro.

Lugo conta tamén con escaso orzamento dedicado á cultura e necesita infraestruturas: carece dun teatro ou auditorio e dun espazo grande para concertos ao aire libre. Pola contra, mellorou as publicacións culturais e a proxección exterior (é destacábel o número de persoas asistentes aos actos). Tamén Ourense ten unha cidadanía inqueda e interesada na cultura, ademais da súa tradición histórico-cultural.mais carece tamén dunha rede axeitada de infraestruturas e precisa aumentar os orzamentos.

En Pontevedra hai unha política cultural coherente e especial incidencia na formación de públicos, o infanto-xuvenil sobre todo, e na música. Mais ten dificultades para obter recursos externos e carece tamén dunha rede axeitada de infraestruturas.

Non é o caso de Compostela: á boa dotación de infraestruturas únese un elevado nivel de participación e de ocupación dos centros socioculturais, mais son necesarios máis recursos económicos dedicados á actividade cultural e mellor adecuación das infraestruturas.

Vigo sitúase na vangarda, en liña de circuítos alternativos xunto con Porto e Valença, quen de xerar novos modelos e incorporar propostas contemporáneas ás programacións culturais con resposta favorábel do público. Con todo, non hai abondo orzamento dedicado a cultura.


Documentos

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: