Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India V

Non son pasos pequenos

María Reimóndez cóntanos as esperanzas da India na presidenta Pratibha Patel, a emancipación das mulleres e como superan a represión dos cánones de beleza sobre elas. Non son pasos pequenos

María Reimóndez - 11:01 30/07/2007

Pratibha Patel

O domingo marca unha nova fase na política da India. APJ Abdul Kalam deixa o seu cargo de presidente da república e por primeira vez na historia do país quen o substitúe é unha muller. A herdanza de Kalam é realmente moi sólida, dende a súa formación de científico escribiu o seu libro India 2020 no que expresa a súa visión de facer da India un país desenvolvido para entón.

Esperemos que Pratibha Patel, a nova Presidenta, sexa capaz de recortar ese prazo e sobre todo de incluír nel ás mulleres, aínda que iso non o garante o feito de selo (Margaret Thatcher, Indira Gandhi -quen por certo foi primeira ministra, non presidenta-?), isto non é o xogo das agochadas con aquelo de "Por min e por todas as miñas as compañeiras".

O problema é que ata o día en que non sexa nada fóra do común que unha muller sexa presidenta, primeira ministra ou o que sexa dun país, ou dunha empresa ou dunha entidade (que non sexa o instituto da muller ou a revista de Ana Rosa Quintana) non podemos deixar de ter tales expectativas. O mellor da noticia é a foto dun grupo de mulleres de Delhi facendo o sinal da vitoria con caras alegres. Iso xa significa moito. Agardamos algo de ti, Prathibha Patel.

Non son pasos pequenos

Durante os últimos anos hai algunhas persoas dos suburbios coas que manteño unha relación especialmente estreita e a quen visito tamén como unha maneira de ir avaliando o proxecto de forma máis microscópica, á altura dos ollos das persoas. Devamanidevi e Megala son dúas veciñas de Kajapettai que participan de xeito moi activo no proxecto.

Nunha das visitas anteriores, comentaban as dificultades que tiñan para dedicarse de forma rendible ao negocio que as dúas facían xuntas, a fabricación de conos de incenso. O problema non era outro que a falla de tempo. Dedicaban ao traballo un par de horas e así os ingresos eran só un pequeno engadido á economía familiar. Cando falamos daquela animeinas a facer do traballo unha fonte de ingresos de verdade, comentamos o exemplo doutras mulleres e ficaron abraiadas co que lles contabamos, cos cartos que facían.

E tamén comentamos a necesidade de que, para poder dedicarlle tempo a este traballo remunerado, os seus homes compartisen a responsabilidade do fogar. Para Megala as cousas cambiaron menos, pero no caso de Devamanidevi, realmente a situación mellorou. O seu home incluso cociña (considerada a actividade feminina e resistente por excelencia, hai homes que acceden a facer outras cousas da casa, pero non cociñar, que é algo pesado e diario... a que me soa isto?) e cando ela vai a formación é el quen se ocupa de absolutamente todo na casa. Non son pasos pequenos.

Caroline, outro tipo de resultados

Parte da avaliación consiste tamén en coñecer a evolución do noso persoal. Sen dúbida é o persoal a clave do éxito do proxecto. Traballadoras incansables, cada unha coa súa personalidade e puntos positivos, que constitúen un equipo esforzado e teimudo. Recordo aínda a primeira vez que vin a Caroline, no 2002, antes de comezar o proxecto ela xa traballaba na organización. Era unha muller tímida e en certa medida o segue sendo.

Caroline é a nosa traballadora sanitaria e ten especial sensibilidade polas persoas con discapacidade. De aí que o proxecto traballe tan intensamente con elas, integrándoas nas actividades (existe un grupo de aforro para elas e moitas mulleres forma parte dos grupos xerais), buscando axudas do goberno para mellorar os seus ingresos, etc. Caroline confesa que ela tamén se sentía discapacitada cando empezou o proxecto. Eu levanto as cellas e pregúntolle por que. "Fáltame beleza".

E é que Caroline é calva. Ela e a súa irmá dende pequenas non teñen pelo. Cando empezou o proxecto non quería nin que lle sacasen fotos. E non era de estrañar, a súa familia nin sequera a levaba ás celebracións relixiosas (é cristiá, que diría Cristo disto?) por vergoña. A min a carraxe non me cabe no corpo. O único consolo é que dende que traballa no proxecto é ela quen mantén a esa familia que a rexeitou tantas veces e ten a súa propia, na que por certo ten adoptada unha nena que alguén abandonara. Agora xa non ten medo de que lle fagan fotos. E isto tamén son resultados do proxecto.


3,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



María Reimóndez con Caroline. Xa non ten medo a que lle tiren fotos
María Reimóndez con Caroline. Xa non ten medo a que lle tiren fotos