Esta fin de semana celébrase en Avión (Ourense) un evento ben singular e único no país. Terra de emigrantes, este municipio organiza a Festa Mexicana por terceiro ano consecutivo.
Retornados, aqueles que están de vacacións e os que veñen incluso por primeira vez a Galiza por naceren xa na emigración atoparanse aquí coa esencia do que teñen alá. Sempre entre dous mundos.
A maior parte dos veciños de Avión está ou estivo emigrado en México, di María Isabel Gabián, animadora sociocultural do Concello. Algúns son xa de segundas ou terceiras xeracións e asistirán este sábado a unha festa como non hai outra en toda Galiza, afirma. Ademais dos propios vén xente de concellos limítrofes que tamén posúen boa parte da súa poboación vivindo e traballando no país dos mariachis.
Este é o terceiro ano que se fai a festa e haberá intérpretes de música mexicana en directo chegados desde Madrid que tocarán a pé de público, “como se fai alá”, indica Isabel. Realizarase unha “tardeada”, verbena que se chama así porque comezará polas nove da noite e na que poder bailar e escoitar as voces e instrumentos típicos do país. Segundo conta a traballadora do concello, este tipo de xuntanzas si se celebra noutros lugares con tamén emigrantes en México.
Delicias picantes e altares de defuntos
Venderase comida preparada ao xeito tradicional mexicano, comida rápida, mais non por iso menos elaborada, o que aló chaman “antojitos”. Tacos, tortas, bocadillos... e haberá tamén piñatas para os máis pequenos. É unha xornada na que revivir a cultura do país de acollida celebrada no lugar de partida. E é que para moitos dos residentes en México, de apelidos galegos, de ascendencia tamén galega, veñen visitar a terra dos pais ou dos avós pero en boa medida, a cultura da que senten pertenza é á mexicana. Ademais, esta festa tamén serve para que os que ficaron teñan tamén de preto unha estampa dos símbolos culturais do país para o que marcharon os familiares hai xa anos.
“Os palcos case están rematados”, apunta Isabel. Cada ano dedícanse os escenarios a unha parte da cultura mexicana. Nesta ocasión os protagonistas son Todos os Santos. Decóranse os palcos con “altares de defuntos”. Esta representación da cultura da morte pasa por colocar no lugar aqueles obxectos que máis apreciaban os finados en vida, así como bos manxares. A organizadora conta que ao día seguinte os familiares e convidados comen “o que non quixeron os mortos”. A morte é entendida como algo festivo, continúa explicando.
Se en anos anteriores sempre superaron as expectativas acadando en 2006 unha cifra de 2,500 asistentes, nesa ocasión agardan a 3,000 persoas chegadas do propio concello e dos arredores. De 12 a 15 Mariachis chegados desde Madrid dividiranse en grupos máis pequenos para cantar aos asistentes. Todos os detalles estarán listos para que, por unhas horas, Avión semelle un anaquiño do México, onde moitos galegos emigrados pasaron máis de media vida e no que fillos e netos naceron.