PSOE e BNG subscribiron este sábado o pacto de Goberno, en que os nacionalistas contan con sete edís e os socialistas con seis, mais o reparto de concellarías segue sen esclarecerse.
O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, sinalou que aínda non está decidido: "iso será obxecto dun decreto da Alcaldía nos próximos días". Só comunicou o reparto de áreas de goberno por parte de cada grupo: seguen a ser competencia do Bloque Economía e Facenda, Protección Cidadá, Cultura e Festas e Consumo, e engádenselle Parques e Xardíns, Mobilidade e Transporte, Deportes, Universidade e Xuventude.
O PSOE, pola súa banda, mantén Benestar Social, Promoción Económica, Turismo e Educación, e asume, ademais, aresponsabilidade sobre Réxime Interior, Persoal, Vivenda e Medio Ambiente.
Para Urbanismo tomouse unha decisión salomónica: para o PSOE xestión urbanística (plan, execución xurídica e concesión de licenzas, ademais de supervisión de obras públicas tanto no rural coma na zona monumental), e para o BNG a ordenación do territorio, os grandes proxectos de infraestruturas e a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ademais das obras de reforma urbana que se realicen na zona urbana da cidade, agás a zona monumental.