Denuncian presións de Microsoft para que se estandarice o seu OOXML.
Cada vez máis administracións públicas están a impulsar o estándar ODF (formato aberto de documentos), unha especificación libre que pretende facilitar o intercambio de información entre diferentes aplicacións e sistemas operativos. Deste xeito, evítanse os problemas que xorden, por exemplo, coa difusión de documentos en formatos coma o propietario .doc de Microsoft Office, propiedade da empresa estadounidense e que obriga a usar ese programa, de elevado prezo e só dispoñíbel para determinados sistemas operativos, para poder visualizar ese tipo de arquivos.
Os gobernos de Bélxica, Francia, Massachusetts e outros estados están a adoptar o formato para garantiren o libre acceso da información a todos os cidadáns sen que se vexan obrigados a adquirir ningún produto comercial en particular. Así, evítase que no futuro os documentos sexan irrecuperábeis se as empresas propietarias dos formatos deciden modificalos ou abandonalos.
Galiza, máis lenta
O estándar estase a introducir tamén no noso país. Como exemplo, o programa de lecer Súbete ao Castro, da Concellaría de Xuventude de Vigo, comezou a enviar este xoves as súas notas de prensa neste formato, ademais do .doc, empregado aínda como norma dende a meirande parte dos gabinetes de comunicación galegos.
Como as administracións públicas deben impulsar os estándares abertos nas súas comunicacións aos cidadáns, Microsoft está a fomentar un formato alternativo ao seu famoso .doc, o OOXML, que xa emprega a última versión do seu Office. A ISO (Organización internacional para a estandarización) decidirá o 2 de setembro se aproba a adopción do OOXML como norma.
Presións de Microsoft
A deliberación depende do ditame dos comités territoriais de normalización, e xa xurdiron denuncias de que o xigante estadounidense do software está a facer presión para conseguir que o seu formato se converta en estándar. Contra estas manobras, naceu a Fundación para unha infraestrutura da información libre (FFII), que propón unha campaña de sinaturas en liña contra o OOXML.
A compañía Red Hat, fundadora da ODF Alliance, puxo ao dispor do público uns logotipos e carteis que promoven o formato, e que está dispoñíbel na súa revista, Red Hat Magazine.