En opinión do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, debera ser a Federación Galega de Municipios e Provincias a que introducise neste asunto "criterios válidos" para os municipios.
Touriño opinou que o acordo debera alcanzarse "no uso da autonomía local". "Ás veces hai que lembrarlle, mesmo ao PP, que hai unha cousa que se chama autonomía local", subliñou logo de ser preguntado pola propostado PPdeG de regulamentar os límites para os soldos dos altos cargos municipais.
Ao fío, ironizou sobre a proposta lembrando que "é magnífica para un partido que gobernou durante tantos anos e que non se decataba do que cobraban os alcaldes". "Igual agora que viu o soldo da alcaldesa de Sanxenxo xa se decatou", comentou en referencia ao salario da rexedora Catalina González, a que máis cobra en Galiza.
Desde o PSdeG indican que traballarán desde a Fegamp para chegar a un acordo de autorregulación que consiga estabelecer unha "racionalidade" fixando criterios para evitar os dispares salarios nos Concellos.