Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
SUZY CASTOR, INTELECTUAL HAITIANA

"Coido que se pode chegar a unha refundación nacional de Haití, na que a cidadanía teñan dereito ao mínimo para vivir dignamente"

Susy Castor enche o espazo cunha aura de tranquilidade. Unha pregúntase de onde procede, porque non corresponde coas experiencia dunha vida marcada pola inestabilidade política haitiana. O exilio: dúas décadas de desterro en México. O desexilio: volver a un país que xa non era o mesmo tras trinta anos de ditadura. A frustración: unha transición que non callou. Unha entrevista de Belén Puñal con fotografías de Isabel Lema.

TEMPOS Novos - 09:00 27/07/2007

Conclúe unha que sen dúbida provén da esperanza, esa confianza de Castor nunha refundación nacional que garanta unha vida digna para a cidadanía. Para ela, unha das intelectuais máis importantes de Haití e o Caribe, este é o momento, trala caída de Aristide e a elección hai un ano de René Préval, de tentar de novo arrincar. Coida que a sociedade haitiana está xa madura para avanzar sen máis rupturas. Porque negarlle o futuro, é non comprender a súa traxectoria. A deriva dun país que, hai máis de dous séculos, destacou como pioneiro na loita polas liberdades, na avanzada da consecución da independencia (segundo país en América en conseguila, tras Estados Unidos) e na abolición da escravitude.

Haití practicamente non existe a ollos occidentais. Os medios só se acordan deste recuncho do Caribe para difundir noticias que falan de inestabilidade política -por exemplo cando foi o golpe de estado que fixo caer a Aristide en 2004; de inseguridade cidadá ou de pobreza extrema...

O gran público descoñece moitas cousas de Haití. A xente non ve o país real, un país coa súa vida, a súa loita, os seu Suzy Castor é unha das intelectuais máis relevantes de Haití e do Caribe. No exilio, durante a ditadura de Duvalier en Haití, foi profesora de Ciencias Políticas na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) durante case vinte anos. De volta ao seu país, creou co seu marido, Gérard Pierre Charles, o Centro de Investigación e Formación Social para o Desenvolvemento. É vicepresidenta da Asociación de Historiadores de América Latina e membro do Tribunal Permanente dos Pobos.logros e as súas derrotas. Tratan Haití como un pobo co que non hai nada que facer. Para o caso de Haití e de moitos outros pobos en situación similar, creouse unha terminoloxía que se refire a eles como países frustrados ou estados incapaces, termos tralos que latexa unha crenza na súa non viabilidade. Iso é non comprender a traxectoria destes pobos, tanto do seu pasado como do seu porvir.

En vostede podemos ler boa parte da traxectoria do seu país dende mediados do século XX até a actualidade. Co ditador Duvalier no poder, estivo exiliada en México dende os anos 60 até a caída do réxime, en 1986. En México colaborou activamente cos refuxiados procedentes de América Latina e Central, nunhas décadas moi complexas para o continente. Que perspectiva sobre América Latina lle ofreceu esa experiencia?

Eu fora a México para estudar, e aos dous anos xa se nos negou a entrada en Haití tanto ao meu marido como a min. A México chegaron naquela época refuxiados de distintos puntos de Latinoamérica, moitos deles académicos comprometidos e activistas, o que converteu este país nun fervedoiro de coñecemento. Foi un momento moi creativo, pois a coincidencia de persoas de procedencia tan diversa fixo que xurdira en México un pensamento latinoamericano.

Tras tantos anos en México volve a Haití en 1986. Sentiu frustración ao ver que a democracia non conseguía asentarse? Haití é un estado que semella en transición permanente, que nestas dúas décadas sufriu xa varios golpes de Estado...

Malia que estes vinte anos do proceso de transición haitiana foron desconcertantes para moita xente, malia que aínda non chegamos a unha fase de construción do país, penso que fixemos un tramo do camiño moi grande. O custo non foi menor, porque nesta transición houbo unha boa parte de mortes, de fracaso. Mais á vez tamén maduramos na propia comprensión do país. O presidente Preval leva máis dun ano no poder. Eu non che podo asegurar que as cousas vaian ben, pero hai toda unha preocupación por facer arrancar o país, sen que se produzan rupturas como as que tiveron lugar anteriormente. Isto para min indica unha madurez dos diversos sectores e clases sociais que non existía en 1986.

Sorprende a traxectoria do ex presidente Aristide, o primeiro que foi elixido democraticamente. Aquel cura defensor da teoría da liberación, que conseguiu facerse coa confianza do movemento social en auxe trala caída de Duvalier e subir á presidencia en 1990, rematou por converterse nunha marioneta en mans dos Estados Unidos. Os Estados Unidos apoiárono cando recuperou o seu cargo en 1994, tralo violento golpe de Estado que o depuxera en 1991, e tamén contribuíron á súa caída definitiva, no golpe militar de 2004. Este tipo de personaxes contraditorias semellan ter un papel importante na historia recente de América Latina, poñamos o exemplo de Paz Estensoro en Bolivia...

O meu marido, Gérard Pierre Charles, dicía que Aristide soubo subir á onda do gran movemento social e popular existente trala caída de Duvalier e beneficiarse del. Unha vez no poder, viuse a inconsistencia do personaxe. Cando foi deposto polo golpe de estado en 1991 xa se empezaban a ver os seus límites, mais a xente afanouse coa defensa do voto popular, porque ese voto que levara a Aristide ao poder tiña un gran significado, democrático e incluso histórico, porque era a primeira vez que o pobo votaba e designaba un presidente, e había que respectalo. Isto levou aos que estaban no interior a unha loita tremenda en contra da ditadura, mentres que Aristide, exiliado en Washington, puido entender os xogos de poder de USA, e sóuboos aproveitar moi ben á súa volta, transformándose no Aristide que agora coñecemos e que deu lugar a tal rexeitamento popular en 2004. Mais, fíxate, no exterior non souberon ver esa evolución de Aristide, a primeira imaxe del foi a que quedou para moitos medios da esquerda.

Vostede comentou nalgunha ocasión que trinta anos de ditadura e, posteriormente, 14 anos do partido Lavalas no poder fixeron a que Haití estea agora onde está, por que?

Unha ditadura moldea a xente, as mentalidades. En Haití pasou iso. O modelo duvalierista seguiuse a aplicar. Aristide usou con mestría todas as armas da persuasión da represión, da corrupción, do clientelismo... Con outras formas, porque os tempos non eran os mesmos, empregou moitos dos instrumentos do pasado.

Tamén foi cambiante o papel de EEUU, que durante moito tempo apoiou a Aristide e logo contribuíu a facelo caer no golpe de estado de 2004...

Aínda en xaneiro de 2004, fronte ao movemento social contra Aristide, USA quería que seguira no poder, e é que Aristide ten un lobby moi forte en Estados Unidos. Mais fronte a un movemento social que ameazaba estenderse, os norteamericanos cambiaron de opinión. En agosto apareceu o movemento militar e a prensa internacional comezou a falar del como se o movemento social, pacífico, que viñera callando con anterioridade, non existira. Aristide caeu cando este movemento social aínda non chegara ao seu punto de maduración, cando aínda non tiña preparado o despois de Aristide.

Haití é hoxe en día o país máis pobre de América Latina. A súa economía depende da axuda internacional, das remesas de diñeiro que chegan da emigración e da droga. Como valora a política dos organismos internacionais, FMI e Banco Mundial, en relación con Haití?

Hai un desfase. Cando vén o Banco Mundial pedindo menos estado, en Haití é o momento no que xustamente hai que restituír o estado, porque está tan destruído que nada pode funcionar. Non podes pedir menos estado cando non existe e hai que incrementalo. Como pode dicir un país como Haití que o estado non ten que ocuparse da educación?

Ademais, para Haití resultaron especialmente negativas as políticas de eliminación de aranceis...

Hai tempo Haití producía alimentos. Tiñamos moitas rexións onde se cultivaba o arroz haitiano. En 1986, co imposto cero, invádenos o arroz estadounidense a prezos que eran ridículos en comparación cos da produción local. Mesmo mudou a alimentación do país: o millo, que era a comida cotiá haitiana, foi substituída polo arroz, máis barato, e que despois de vinte anos xa se está volvendo a comida nacional. A produción arroceira haitiana decaeu e apenas pode subsistir. Haití é un país que consome, pero que non produce.

Vostede é tamén unha gran defensora dos dereitos humanos e dos dereitos das mulleres. Tal como indicou na súa conferencia en Compostela, dende 2004 hai en Haití un clima de inseguridade alimentado tanto polos partidarios de Aristide, os chemires, como pola delincuencia asociada á droga. Como afecta esta situación de inseguridade ás mulleres?

A inseguridade é un problema que hai que resolver. Cando hai inseguridade, non podes poñer en marcha ningunha política, non hai traballo, non hai investimentos, non hai cooperación, non hai vida. A violencia contra as mulleres incrementouse, nunca tivemos tantas violacións, mesmo se están a ver novas formas enfermizas de violacións. Ademais, hai outro tipo de violencia, ligada á situación actual, á pobreza, á falta de acceso aos servizos mínimos, á saúde, que afecta máis ás mulleres. Canto máis o país se empobrece, máis peso recae sobre os seus ombros. As dificultades para procurar auga é unha boa expresión desta situación de pobreza e de miseria. A xente que máis sofre para asegurar un mínimo de auga potable son as mulleres. A pobreza feminízase na medida en que, en primeiro lugar, recae sobre as mulleres e, segundo, aumenta a súa carga de traballo.

Vostede coida que neste momento se lle está dando oportunidade de ser visíbeis na escena política a novos actores sociais que até o de agora foran excluídos (clases medias, campesiñado, provincias...). Que papel está xogando o movemento de mulleres neste momento de consolidación e refundación da nación?


Pódese dicir que o movemento social está actualmente repuntando, o mesmo que os partidos políticos. A coherencia dos partidos políticos estase a reflectir sobre o movemento social, así como a coherencia do movemento social se reflicte nos partidos políticos. E o movemento das mulleres contribuíu a isto, entendendo que non pode actuar de maneira illada senón inseríndose no contexto global da sociedade.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: