Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Isaac Díaz Pardo recolle a Medalla de Galicia

Na tarefa de recobrar a memoria histórica que "estaba roubada"

Así falou Isaac Díaz Pardo este mércores ao recibir un recoñecemento co que aproveitou para reivindicar a figura dos "ilustres galeguistas que loitaron no exilio".

Redacción - 09:00 26/07/2007

Falou Díaz Pardo dos que desde a emigración traballaron por Galiza e "pensaron que, ao volver, o primeiro que habería que facer é recuperar a memoria histórica" que, na súa opinión, "estaba roubada". O intelectual galeguista recibiu de xeito oficial a Medalla de Galicia concedida pola Xunta interpretando a entrega a xeito de "fideicomiso" en nome dos "ilustres galeguistas que loitaron por Galiza sobre todo no exilio".

"Algúns morreron sen ver a nosa terra", dixo un emocionado Isaac Díaz Pardo, comentando que recollía o recoñecemento tamén a xeito de "desagravio" á súa sorte. No seu discurso quixo ocuparse de xente coma Luís Seoane, con quen lembrou a creación do Laboratorio de Formas para a recuperación das "institucións que desapareceran", coma o Seminario de Estudios Galegos, que segundo declarou abrollou das "raíces das ideas dunha ducia de intelectuais" afincados en América. Gabou por iso o xeito en que o proxecto foi recibido no seu día por "vellos ilustres galeguistas" citando a Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade ou Filgueira Valverde.

Ao tempo, referiuse ao "alento de xente nova", cara ao proxecto no seu momento, mencionando o actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; o do Consello da Cultura, Ramón Villares; e o propio Touriño. "Non o digo para pagar o que fixo hoxe aquí", ironizou, falando da pertenza dende 1978 do hoxe presidente galego á Área de Ciencias Económicas do Novo Seminario de Estudios Galegos.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: