"A defensa das nosas linguas propias xunto coas linguas maioritarias da humanidade é garantía de exportar a nosa cultura", dixo o presidente do PPdeG.
"Preservar os nosos sinais non pode converterse en desculpa para cercenar o dereito de todos e cada un dos galegos a gozar da súa liberdade, dunha mellor calidade de vida e de máis oportunidades de desenvolvemento agora e nas vindeiras décadas", expuxo o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, no manifesto que leu este martes en Compostela, logo de realizar unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.
Baixo o título "Á medida de Galicia", os populares opinan que un dos riscos da "mundialización imparábel", que "nos obriga a preservar as sinais de identidade", residiría na "tentación de estabelecer fronteiras artificiais de tipo ideolóxico, económico ou cultural". Adicándolle o relatorio á mocidade, Feijoo pediulle a mozos e mozas que "non teñan ideoloxías pechadas, que non teñan pensamentos cativos, que non teñan posturas de conveniencia, que sexan libres, que sexan galegos e que sexan cidadáns do mundo". "Ningunha data resulta máis apropiada que a do 25 de xullo, o noso Día, para reafirmar o irrenunciábel compromiso galeguista do Partido Popular de Galicia", subliñou.