Marta Souto e máis o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, presentaron a Copa Galiza.
Dous equipos da Liga Asobal, -o Pilotes e o Teucro-; dous da División de Honor B, -Cangas e OAR Coruña-; e sete de Primeira División estatal -o Novás, Lalín, Porriño, Bueu, Cisne, Carballal e o Chapela- xuntaranse para competir por esta primeira copa. Os partidos comezarán o 25 de agosto na vila de Carballo. A gran final será na vila ourensá de Ribadavia.
Por que escolleron as vilas de Carballo e Ribadavia?
Segundo palabras de Marta Souto, a primeira Copa terá a súa final en Ribadavia "para potenciar a base do balonmán galego e levar esta modalidade deportiva a eses lugares de grande tradición histórica do balonmán mais nos que agora semella adormecido e cómpre revitalizar".
A vila coruñesa de Carballo, tamén con gran tradición e afección deste deporte, será a sede das semifinais.
Na presentación da competición, onde estaba Marta Souto, o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Anxo Collarte, Souto valorou a nova competición como "espello para o balonmán de base".
Calendario da competición
A primeira fase xogarase o 25 de agosto, e dela estarán exentos os equipos de Asobal e de División de Honor B. Os cuartos de final disputaranse o 1 de setembro. A localidade encargada de acoller as semifinais, o 7 de setembro, será Carballo, e as finais disputaranse en Ribadavia o día 9.
A Copa Galicia tamén para as mulleres
A directora xeral para o Deporte tamén anunciou que xa se está a traballar na edición da Copa Galicia de Balonmán Feminino, "xa que igual deporte masculino e feminino é un dos nós de traballo da Dirección Xeral para o Deporte".