Xa informamos dos ciclos composteláns, e agora a cidade olívica súmase ao cinema na rúa: este mércores 25 dá comezo Realidade'07, cunha proxección na Praza da Estrela.
O filme que inaugura este ciclo é Bamako, do director africano Abderrahmane Sissako, onde o Banco Mundial e o FMI son xulgados dende o patio dunha casa na capital maliana. Até o 29 de xullo poderemos ver A hamaca paraguaia, de Paz Encina, o retrato dun matrimonio paraguaio que agarda pola volta á casa do seu fillo; A liña recta, de José María de Orbe, onde Noelia, unha rapaza do extrarradio barcelonés loita contra a súa vida anódina. Todos os días, ás 23:00, a Praza da Estrela convértese en sala de cinema.
Tamén 12:08 ao leste de Bucarest, opera prima do romanés Corneliu Porumboiu: no décimosexto aniversario da caída de Ceaucescu, o dono dunha televisión local convida a un debate a dous cidadáns que aseguran ter vivido intensamente aquel momento revolucionario. Por último, Keane, do estadounidense Lodge Kerrigan, conta a paranoia dun home que perdeu a filla.
Estes cinco filmes chegaron ás salas comerciais do Estado na primavera, en ocasións cun número moi reducido de copias, quitando A hamaca paraguaia, que tivo un par de pases no CGAI ao abeiro da mostra que revisou os proxectos apoiados polo festival mozartiano "New Crowned Hope". O resto dos filmes estréanse en Galiza grazas a Realidade '07, un ciclo que nos permitirá explorar cinematografías periféricas pero emerxentes e gozarmos do cinema menos convencional ao aire libre. Podemos obter máis información no blog de Martin Pawley, Días Estranhos.