O deporte do país mira este mércores cara aos Pirineos, onde os ciclistas afrontan se cadra a tirada máis desafiante desta edición. Ademais dos seareiros, a directora xeral para o Deporte viaxa á 16 etapa do Tour, no Port de Larrau, onde vai animar o campión galego.
O ano pasado, na anterior edición do Tour, Marta Souto viaxou a París para darlle ánimos a Óscar Pereiro nas últimas etapas da rolda gala. O ciclista de Mos xogaba naquela altura a súa entrada na historia, e contou co apoio de Cultura. Un ano despois, Marta Souto volve viaxar a Francia para animar o ciclista, na certeza de que "deparará unha xornada de forza e saber, que fará posíbel gozar do Pereiro que toda Galiza agarda ver, e que supón un orgullo para todo o ciclismo galego".
Na etapa décimo sexta do Tour de Francia...
... que se desenvolve entre Ortez e Gourette -Col D´Aubisque, cun percorrido de 218,5 quilómetros nos que o campión galego poderá sentir o apoio de todo o pelotón de afeccionadas e afeccionados do seu país, entre os que se vai atopar Marta Souto, convencida de que o ciclista de Mos "está a tempo aínda de demostrar que é un líder, e pode darlle a Galiza un memorable 25 de xullo".
"Queremos que Óscar se sinta abrigado polas bandeiras galegas, e levarlle todo o empuxe que merece".
A directora xeral para o Deporte tamén manifestou que "a explosión de Óscar Pereiro o ano pasado non foi máis que a culminación a moitos anos de traballo e de valía subido nunha bicicleta. Óscar é este ano, e será no futuro o gran corredor e mellor persoa que coñecemos, e unha figura á que temos que agradecer que o ciclismo recupere toda a súa maxia e a paixón do deporte".