Seguen as crónicas de María Reimóndez dende a India: a escolarización das rapazas, a autonomía das mulleres e un proxecto de documental son as novas que nos achega.
Bahnu non está e é cousa boa
Unha das persoas coas que teño especial relación é con Bahnu. Para min segue sendo unha meniña pero seguramente creceu xa para deixar de merecer ese nome. Dende a primeira vez que a vin, en 2004, tento visitala sempre que vou a Bells Ground. Hoxe gústame pasar por diante da súa casa, saudar á súa mai e comprobar que Bahnu non está. Está na escola.
Bahnu padece unha xordeira e os efectos secundarios dun método anticonceptivo ineficaz e perigoso. A primeira vez que a vin eran moitos os problemas que se lle presentaban para poder seguir unha educación. Animamos á súa mai a que se integrase nun dos grupos de aforro. Agora Bahnu pode ir a unha escola especial para nenas e nenos con xordeira. Tárdame xa vela. Ao final a choiva impide a miña visita pola tarde ao suburbio, pero vexo algunhas fotos dela no campamento de verán, está moi grande e contenta. O encontro non tardará.
Con voz propia
Estes días temos aquí a Yanira (Heredia), que se atopa realizando un documental sobre o noso proxecto e máis en concreto sobre o que ela e o seu equipo denominan historias de vida de diferentes persoas vinculadas a el.
Yanira xa coñece Tiruchy, a finais de 2006 ela e o seu compañeiro Guillermo (Maceiras) estiveron realizando un estudo de avaliación nalgúns suburbios do proxecto e utilizaron a súa experiencia no audiovisual (que se complementa coa súa formación en cooperación ao desenvolvemento, son persoas moi completas!) para facilitar un estupendo proceso do que saíu unha curtametraxes ideada, dirixida, producida, montada e "actuada" pola poboación dun dos suburbios, Mahalakshmipuram.
O tema elixido pola comunidade foi o traballo infantil e para nós é un documento excepcional xa non só pola profesionalidade da curta senón polo valor que ten en dar voz ás comunidades. O Thiruvangal ou "Polos opostos" esperamos que percorra Galicia para levar esa voz do outro lado, onde tanto precisamos escoitar. Atentas e atentos ás datas a partir de setembro!
O noso peso en ouro
A semana remata na casa, despois do día na oficina procesando datos e tamén comentando con Vinay, o noso consultor, o informe do último trimestre. Á fin chego á casa, tempo para sentar e falar un bo anaco con Manimekalai, que amosa unhas xoias de bixutería feitas por unha das mulleres empresarias que forman parte da asociación que ela axudou a formar.
Son todas mulleres que teñen os seus pequenos negocios, e Manimekalai trae moitas veces roupa ou outras cousas feitas por elas. Hoxe admiramos esas xoias de bixutería e o uso que Manimekalai pretende darlles: levalas ás festas familiares onde a obrigan a amosar o seu valor en ouro, cousa que ela non fai nin quere. Comenta que é todo unha cuestión de status, ela rexeita o ouro, os cartos están no banco.
O máis gracioso do tema é que estou segura de que Manimekalai gaña máis cartos ela soa que a metade desas que levan ouro todas xuntas. Por iso lle propoño que para a próxima vez poña ao pescozo unha copia do seu caderno bancario e o deixe ver a todo o mundo. "Ata iso han querer que o imprima en metal" di ela rindo.