Son Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal do sindicato; Francisco Xavier Cartelle, secretario de Organización; e Manuel Pérez, responsábel de Finanzas.
Cun seu comunicado, anunciaron a súa saída do BNG ao considerar que este estaba a interferir nos seus labores sindicais. Segundo din no escrito, eles prometeron, ao saíren elixidos en 2005, manter unha total "independencia sindical". Agora por mor das que deron en chamar "interferencias partidarias" dos que "ven a central sindical como un suxeito cativo da súa política partidista de oposición aos gobernos correspondentes ou de aplauso aos gobernos amigos", decidiron non pertencer máis ao BNG.
Os dirixentes da CIG de Ferrolterra aseguraron que no BNG se chegou xa ao "abandono da ideoloxía", o que, ao seu xuízo, derivou nun "circuíto de carreiras para a adxudicación de postos nas institucións", tras o que o partido comezou a desprezar a central sindical e a convertela nun "ariete para as súas loitas partidarias" en contra dos intereses dos traballadores. Aínda que os sindicalistas están vinculados ao Movemento pola Base, a crise, segundo fontes consultadas, redúcese exclusivamente á zona de Ferrolterra e a estes casos concretos.
Segundo sinalou o secretario comarcal e militante do BNG durante 23 anos, Xesús Anxo López Pintos, a situación denunciada vén do "boicot" que o BNG lle está a facer á asociación Impulsora do Plan Ferrol -formada pola CIG, xunto con CCOO, UXT e asociacións empresariais-.