Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este patrimonio será catalogado e inventariado

'Nós mesmos' recolle a experiencia asociativa da emigración

O Consello da Cultura e o Secretaría Xeral de Emigración asinaron un convenio para estudaren o legado da emigración galega en América.

Redacción - 12:30 19/07/2007
Manuel Luís Rodríguez, Ramón Villares e Pilar Cagiao

Manuel Luís Rodríguez, Ramón Villares e Pilar Cagiao

A mostra Nós Mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración terá carácter itinerante e espallará a publicación Álbum de emigrantes, que xa se pode consultar en liña na web do Consello, en Cultura Galega ou na da Secretaría. Comeza a súa andaina en Bos Aires para novembro, coincidindo coa conmemoración do centenario do Centro Galego de Bos Aires, Montevideo, La Habana, Lisboa e Barcelona.

Está dividida en sete bloques temáticos: a dimensión mutualista, a educativa, a artística, a cultural, a sanitaria e a política do asociacionismo galego na diáspora, desenvolvidos en 55 paneis. A descrición comeza na xénese do asociacionismo, entre os séculos XVIII e XIX, e chega até a actualidade, marcada pola reorientación dos fluxos migratorios e novas iniciativas societarias.

Memorias da diáspora

Pilar Cagiao e Vicente Peña Saavedra son os comisarios do proxecto, que conta cun orzamento de 45.000 euros. O traballo realizado polo Consello da Cultura a través do seu Arquivo da Emigración, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, reúne, en palabras de Villares "o mellor patrimonio de fondos migratorios, nomeadamente societario". Patrimonio do que tamén podemos gozar na rede: biografías, entrevistas, recortes de prensa, manuscritos e correspondencia profesional e privada, que recupera a memoria dos emigrantes en primeira persoa.

Os primeiros datos biográficos corresponden a Waldo Álvarez Ínsua, Gumersindo Busto Villanueva, Jesús Canabal Fuentes, Elsa Fernández e José López Rodríguez "Pote". Seguiranlles, periodicamente, as de Fidel Vilasuso, Juana de Ibarbourou, Isidoro Araújo de Lira, Adelardo Novo Brocas, etc. A documentación foi reuníndose a partir da elaboración dos dicionarios da emigración de Cuba, Arxentina e Uruguai.

Lei da Galeguidade


Pola súa parte, o Secretario Xeral de Emigración anunciou que a nova Lei da Galeguidade contemplará por primeira vez a regulación do patrimonio galego no exterior, competéndolle a súa protección tanto á Xunta como aos Centros Galegos: "a Xunta velará pola conservación do patrimonio da colectividade galega no exterior así como polo mantemento da memoria histórica da emigración catalogando e inventariando o patrimonio -traballo que se iniciará este outono- e poñendo en valor ese legado coa declaración de patrimonio da galeguidade a aqueles centros que conten con mais de cen anos".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: