Os desperdicios que habitualmente deixa o turismo costeiro, o que chega vía augas residuais, o lixo producido pola actividade pesqueira, os refugallos que guindan desde os buques... Avaliouse que nos océanos hai até 13 mil fragmentos de plástico por km2.
"O medio mariño sofre un intenso e considerábel proceso de contaminación polo vertido de lixo ao mar", afirmou Mario Rodríguez, director de campañas de Greenpeace durante a presentación do informe, "Se algo está claro é que estamos afogando o mar en plásticos", láianse desde o colectivo, "aínda que se aumenten os gastos en limpeza de praias e fondos mariños o lixo volve con insistencia". "Por iso é preciso tratar o problema desde a orixe e afrontar un cambio cultural que nos faga asumir que o mar non é un vertedoiro", propoñen.
A denuncia chega avalada por un informe onde se sinala que arredor do 80% do lixo mariño ten orixe en terra firme. Así, aparece por exemplo o descoidado comportamento dos turistas a pé de costa. Un ollo a moitas praias ofrece exemplo: envoltorios de comida e bebida, cigarrillos, xoguetes e restos varios. Por outra parte están os refugallos que chegan ao mar a través das augas residuais, cuestión agravada polos déficits de saneamento. Desde xeringas a preservativos, pasando por restos de envases de comida, a lista de lixo que vai parar aos océanos é tamén grande. Ademais, un 20% dos refugallos prodúcese directamente nos océanos. Así por exemplo, da actividade pesqueira paran no fondo oceánico restos de fíos e redes, nasas, caixas de cebos e outros, que ou ben se perden accidentalmente ou mesmo son guindados deliberadamente ao mar. Tamén outro tipo de buques a miúdo guindan lixo ao mar.
Todo este lixo causa un grave impacto nos ecosistemas mariños. Tartarugas, focas ou cetáceos son exemplo de animais mariños que quedan moitas veces atrapados en residuos plásticos. Outros inxiren restos plásticos que acaban provocando a súa morte. Documentouse até o de agora que até 267 especies distintas sofren gravemente os efectos deste lixo. Para solucionar esta situación, os ecoloxistas propoñen entre outras cousas concienciar os cidadáns, incrementar as operacións de limpeza costeira e de fondos mariños, mellorar os sistemas de depuración e aplicalos onde aínda non funcionen.