"Esta vez imos chegar a tempo, presidente, tal e como nos comprometemos". Foi apenas a referencia a Galiza e ao fío do AVE nun discurso e unha visita, de José Luís Rodríguez Zapatero, con mensaxes en clave estatal.
"Se a incorporación á sociedade do coñecemento é a nosa meta, a accesibilidade ás redes de alta velocidade é a panca que necesitamos para culminar un tema tan importante, soñado, como é ese ano 2012 no que tan xustamente te tes comprometido para esa incorporación á rede europea e española de alta velocidade". Así o expresara o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no seu discurso durante o acto en Vigo co xefe do executivo español. No mesmo sentido, o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, subliñou na súa intervención algunhas das prioridades para a cidade olívica, caso da chegada de alta velocidade, investimentos no porto e autovías.
Porén, non houbo máis resposta de Rodríguez Zapatero que un "esta vez chegaremos a tempo". Xa que logo, e con promesa estrela de inxección de 200 millóns de euros para a construción dun satélite, a visita do presidente do goberno español e de cinco ministros, os de Industria, Educación, Vivenda, Sanidade e Administracións Públicas, amosa un balance escaso para Galiza. A visita remata así coa promesa do investimento na construción dun gasoducto de conexión coa meseta como proxecto principal para Galiza, proxecto que implica a inxección de 375 millóns de euros e cualificado como "paso de xigante no tema da enerxía para Galiza", polo presidente Touriño.
Doutra banda, o voceiro parlamentario de Industria do BNG, Fernando Blanco, criticou este xoves que o Ministerio de Industria decida "non respectar" as decisións do Parlamento galego sobre o Plan Miner e Navantia-Fene. Referíase o nacionalista ás declaracións do ministro, Joan Clos, onde falaba en contra de que o Plan Miner integrase os traballadores do sector auxiliar das minas e tamén negaba a negociación coa Unión Europea para que Navantia-Fene volvese á construción naval. Recordan desde o Bloque que se trata de temas que contan en Galiza co consenso dos tres grupos parlamentarios.