Pouco antes de que o pacto de PSdeG e BNG bote fóra da deputación luguesa o PPdeG, Xosé Manuel Barreiro deixa o escano no Parlamento para liderar a nova etapa do PP lugués.
O actual voceiro parlamentario do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro Fernández, confirmoulle este mércores aos seus compañeiros de partido que renunciará á súa acta como deputado autonómico para centrarse na política na provincia de Lugo, onde exercerá a oposición na Deputación Provincial e onde preside o PPdeG dende decembro de 2004. Barreiro aproveitou a súa intervención na interparlamentaria do PP para confirmar que o próximo sábado tomará posesión como deputado provincial en Lugo, de forma que abandonará a Cámara galega, xa que ambos os dous escanos son incompatíbeis.
En declaracións a Europa Press, explicou que adoptou esta decisión tras consultar cos seus compañeiros de partido en Lugo e chegar á conclusión de que "o máis coherente" é exercer a oposición na Deputación Provincial, dado "o compromiso que adoptou cos cidadáns" ao concorrer ás pasadas eleccións municipais. Preguntado se influíu na súa decisión o retroceso electoral do PP en Lugo o pasado 27 de maio, que provocou que os populares perdesen a Deputación Provincial, Barreiro defendeu os resultados do seu partido na provincia porque se mantivo como "a forza maioritaria", aínda que recoñeceu que non cumpriron as expectativas por "razóns de tipo, tanto interno como externo.
División do PPdeG lugués
Así, ademais da suba electoral do PSdeG, o dirixente popular recoñeceu que "a imaxe de certa división" que percibiron os cidadáns puido influír no retroceso electoral. Sobre se pedirá responsabilidades a Francisco Cacharro por esta situación, limitouse a dicir que a súa esixencia é "que todo o mundo sexa leal ao partido", pero apostou por "mirar ao futuro".
Por outra parte, asegurou que se sente "avalado" para esta nova etapa política, e recordou que obtivo o "apoio unánime" do partido na xunta directiva que convocou xusto despois das pasadas eleccións municipais, nas que o PP perdeu máis de 16.000 votos nunha provincia que era un dos seus tradicionais feudos. En calquera caso, o congreso provincial non será convocado ata despois do cónclave estatal, que non terá lugar até despois das eleccións xerais do próximo ano.
Despedida de Cacharro
O anuncio de Xosé Manuel Barreiro coincidiu co pleno onde Francisco Cacharro lle daba o adeus á institución.
"Voume sen rencor ningún cara a ninguén", afirmou Cacharro no seu adeus definitivo á Deputación Provincial de Lugo, tras completar seis mandatos consecutivos como presidente e outra lexislatura máis como deputado. "Case a metade dunha vida", comentou ao respecto. "Desexo que esta institución siga mantendo o protagonismo que ata agora tivo", engadiu.
Así, recoñeceu que o seu último pleno non só tivo unha transcendencia política, senón tamén "afectiva e persoal" polas "moitas situacións vividas aquí". Ademais, aproveitou para pedir desculpas polos erros que, pola súa culpa, "se cometeran dende esta casa". Ao fío, afirmou que a deputación, nestes 24 anos, "foi protagonista da vida social e política desta provincia". Por outra parte asegurou que a institución queda "en moi boa situación económica", aseveración criticada desde os bancos de socialistas e nacionalistas, que consideran que a deficitaria xestión de Cacharro deixa en mal estado as contas da deputación.