"Dalgunha forma os veciños terán que acabar pagando", láiase o novo alcalde de Nigrán, o socialista Efrén Juanes, recordando ademais a débeda de 7 millóns que deixan os populares.
Ao longo do ano 2006 facturas de centos de provedores do Concello de Nigrán "non existen a nivel contábel", explicaban este mércores desde o equipo de goberno da localidade pontevedresa. O rexedor cita o acontecido como un exemplo máis do "caos económico" herdado do goberno liderado até o de agora polo PPdeG. "Levará tempo corrixilo", afirma Efrén Juanes, asegurando que a "xestión sensata" planificada polo novo goberno evitará que os veciños se resintan " da pésima xestión económica do PP".
Entre as facturas non contabilizadas aparecen por exemplo en novembro e decembro as do tratamento de residuos urbanos, da empresa Sogama, por valor de 67.750 euros, así como outras de pequenos provedores ou de comunicación e publicidade das distintas concellarías, por valor total de 21.400 euros. Juanes subliña que a débeda do Concello cos bancos aumentou en 4,9 millóns de euros na última lexislatura, aparecendo agora unha débeda total de máis de 7 millóns. A débeda acumulouse ademais no período en que de xeito paralelo se produciu "o maior aumento dos impostos e taxas dos gobernos democráticos do municipio".