O concelleiro do grupo municipal popular responsábel da área de Festas, Ángel Espadas, pediu que se suspenda o concerto deste artista vasco no festival "Linguas Vivas", o 20 de xullo.
Segundo Espadas, "respecta a música" de Muguruza, pero considera que o concello non debe permitir un concerto seu "pola súa apoloxía do terrorismo". Muguruza volve aos escenarios logo de tres anos da última xira e da edición do disco Euskal Herria Jamaika clash. Neste momento, xunto a outros trece músicos, e baixo o nome de Talka Tour está de xira por todo o mundo. Canda eles, actuarán a italiana Banda Bassotti, os estradenses Nao, Boom club e o Dj Capita, chegado dende Poblanou.
O festival, organizado pola produtora Kamikaze, tivo a súa primeira edición o ano pasado na compostelá Sala Capitol. Este ano trasládase ao Multiusos Fontes do Sar. O obxectivo é o de consolidar un evento en que as bandas de diferentes procedencias se poidan expresar nas súas linguas.
Non é a primeira vez que se tenta censurar un concerto de Muguruza: no 2003, en Málaga, suspendeuse un concerto de Manu Chao en que interviña o ex Kortatu. Un ano despois cancelóuselle un concerto na sala Jai-Alai, de Huesca, outro en Valencia e outros dous en Madrid.