Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medio Rural pide que non haxa "crispación"

"Os deberes están feitos, pero nos incendios interveñen moitas variábeis"

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, destacou esta fin de semana o inicio da "posta en valor" do monte como do camiño para evitar lumes nos montes.

Redacción - 09:00 09/07/2007

Suárez Canal referiuse aos "esforzos" para o aproveitamento da biomasa e a posta en valor "multifuncional" do monte, como factor de importancia para reducir o número de incendios no país. " "Melloramos os recursos, os materiais e os profesionais de prevención e extinción", comentou en entrevista na Radio Galega, "os deberes están feitos, pero nos incendios interveñen moitas variables, especialmente, a man do home", opinou.

O conselleiro asegurou que o Goberno fixo "un importante esforzo orzamentario", comentando por exemplo os cen millóns de euros investidos na limpeza e acondicionamento de arredor de dous milleiros de núcleos de poboación. Así e todo, e aínda salientando o traballo en contacto cos municipios, sinalou "a resposta desigual" obtida a nivel local, aínda que evitou ver implicacións políticas e achacoulla ao proceso electoral e os cambios de organización nos concellos. Ao respecto da loita contra o lume, afirmou que os representantes políticos deben "evitar a crispación" no caso de que se produza unha nova vaga de incendios.

Por outra parte, avaliou a confrontación entre os sindicatos e a administración no ámbito dos servizos de extinción de incendios. Suárez Canal amósase optimista despois do acordo con UXT e CIG e opinou que será posíbel o acordo tamén con CCOO, que planifica unha folga en pleno verán. "A nosa situación é herdada doutro goberno e estamos negociando novos convenios", explicou.

Cualifica de "atentado" talar vides
"En Galiza non se poden arrancar cepas, a nosa viticultura é nalgunhas zonas heroica e ten unha importante función social e económica", afirmou o conselleiro sobre as implicacións da reforma da Organización Común do Mercado do Viño proposta pola Comisión Europea.

Suárez Canal alertou de que esta iniciativa da UE contribuiría ao abandono do medio rural. Sobre a simplificación da etiquetaxe, que eliminaría a definición obrigatoria actualmente entre viño de calidade e os de mesa, sinala que hai que ter en conta que Galicia comercializa exclusivamente viño de calidade "polo que se debe esixir, como mínimo, que a etiquetaxe conteña entre os seus elementos obrigatorios a orixe da uva utilizada".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: