Os nacionalistas contaron co voto do PSdeG que cumpriu co pacto nacional. O Concello da Arnoia (O Ribeiro) é o único que fica por constituír.
O PSdeG avalou este venres o acceso do BNG ás alcaldías dos concellos de Manzaneda (Terra de Trives) e Castrelo de Miño (O Ribeiro), en cumprimento do acordo marco asinado entre os líderes nacionais de ambas as dúas formacións, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, respectivamente.
Tres semanas despois da constitución da maioría das corporacións locais, as de Manzaneda e Castrelo de Miño superaron o trámite, unha vez concluído o contencioso que as adiou.
Manzaneda
En Manzaneda, o nacionalista Xosé Antonio Núñez asumiu o bastón de mando tras o acordo co socialista Herminio Cereijo.
O novo alcalde, logo de varias maiorías absolutas do PPdeG no concello, sinalou que o nomeamento constitúe o "recoñecemento" á "consolidación" dunha "democracia baseada na alternancia", onde "ás veces toca estar no goberno e ás veces, na oposición".
O seu programa de goberno centrarase en "dúas grandes parcelas: potenciar de verdade o turismo rural e, tamén, a produción agropecuaria", xa que, no desenvolvemento gandeiro, Manzaneda "ten moito que dicir e por aí ten que orientar parte do seu futuro", sinalou Núñez.
Castrelo de Miño
En Castrelo de Miño, o nacionalista Xurxo Rodríguez xa é alcalde deste concello, mentres que o socialista Manuel González ostenta a tenencia de alcaldía. Tamén aquí, o PPdeG gobernara durante moitos anos con maioría absoluta.
Tras os comicios do 27 de maio, o PSdeG local presentara unha reclamación ante a Xunta Electoral que lle deu un concelleiro máis en detrimento do partido Independentes de Castrelo de Miño.
O novo alcalde indicou que, nas pasadas eleccións, "o pobo apostou por un cambio", para que "nova xente empezase a gobernar con novos proxectos e novas ideas".
Rodríguez avanzou que entre as primeiras medidas do seu goberno figura a de "empezar a traballar por recuperar a unidade e o prestixio perdido nos últimos anos". Ademais, propuxo aproveitar a "situación estratéxica" de Castrelo "a tan só quince minutos de Ourense".
A Arnoia
Xa que logo, o Concello da Arnoia é o único dos 92 da provincia que falta por se constituír, debido a que no prazo de tres meses débense de repetir os comicios nunha mesa electoral.