César Antonio Molina é unha das novidades no gabinete, asumindo a carteira de Cultura. Segue no seu posto a ministra de Agricultura, a ourensá Elena Espinosa. Elena Salgado, até o de agora en Sanidade, pasa a Administracións Públicas.
Apenas a oito meses do final da lexislatura, o goberno español afronta novos cambios. O presidente José Luís Rodríguez Zapatero anunciou as modificacións pasadas as 10h deste venres.
O coruñés César Antonio Molina, actual director do Instituto Cervantes releva no Ministerio de Cultura á ministra Carmen Calvo. Ademais, a actual ministra de Sanidade, a ourensá Elena Salgado, pasa da carteira de Sanidade até o Ministerio de Administracións Públicas, que actualmente xestiona Jordi Sevilla. A ministra de Agricultura, a tamén galega Elena Espinosa, mantense no seu cargo, sumando así unha significativa representación galega no executivo español.
Outra das novidades é a chegada de Bernat Soria, coñecido investigador, para substituír a Salgado en Sanidade. Para o Ministerio de Vivenda anunciou a entrada de Carme Chacón en substitución de María Trujillo.
Zapatero comentou en primeiro lugar a escolla de César Antonio Molina para Cultura, destacando a "magnífica xestión" que na súa opinión fixo Molina do Instituto Cervantes, onde o galego era director desde 2004. Por outro lado, referiuse á galega Elena Salgado coma "unha das mellores xestoras públicas que coñezo". Nese sentido, Zapatero explicou que a Salgado lle tocara avanzar na "modernización e adecuación aos tempos da administración pública". O presidente do executivo español subliñou que todos estes cambios son realizados para "completar plenamente os compromisos electorais" cos que chegara ao poder o actual executivo e indicou que ao tempo pretende "preparar cambios e proxectos cara á próxima lexislatura".