Tendes unha cita en Ortigueira, na XXIX edición deste mítico festival. Figuras como o cuarteto polaco Kroke, Milladoiro, Mercedes Peón ou Kepa Junkera encabezan o cartel.
A inauguración do dunha escultura de Francisco Leiro que amosa a un gaiteiro desfilando, este xoves á 13.00, será o punto de partida de catro días de música, diversión e contacto coa terra en Ortigueira. Este mesmo xoves poderemos asistir á inauguración da mostra Nazón de Breogán, organizada pola, e Saias Faldas, de José Pardo, nos escaparates das rúas do centro da vila.
Xa esta noite, a partir das dez, o Escenario Estrella Galicia acolle o Proxecto Runas 07, unha iniciativa para facerlles promoción e dar a coñecer os novos grupos peninsulares: o grupo que lideran as arpistas Marta Quintana y Clara Pino, Sete Saias, os madrileños Balbarda, os galegos Crema de gaita, o xerezano La Jambre e o trío Bonovo, onde Pulpiño Viascón toca a serra, amosarannos as últimas novidades.
O venres, as Bandas de Gaitas de Ladrido (Ortigueira) e Candás condúcennos ao cantón para gozar do espectáculo do Centro Coreográfico Galego, Vacuo. Á noite, no escenario Estrella Galicia, viaxaremos musicalmente a través do Mar do Norte, dende a nosa Escola de Gaitas de Ortigueira, o Pepe Vaamonde Grupo e os Zarambeques, até as illas británicas: Eric Rigler & Bad Haggis dende Escocia e máis os irlandeses Flook completan o programa.
Na fin de semana...
Gaitas de Verín, Scottish Power Pipe Band e Banda de Pauliteiros de Sendín (Portugal) amenizan a mañá e primeiras horas da tarde do sábado. Ademais, o programa Lume na Palleira, da Radio Galega, retransmitirase en directo dende o Teatro de Beneficencia, o Conservatorio Folque de Lalín ofrece obradoiros de danza e percusión, e no mesmo teatro será presentado, ás 18.00, o documental Cabo Verde Sabí. A muller e a terra, o home e o mar, de Manuel Maseda. Tamén haberá un serán no campo de San Roque, ás 19.00.
Á noite, pesos pesados no escenario Estrella Galicia: Sud ar Su: Bagad Kemper e algún convidado, dende Bretaña, o cuarteto polaco Kroke, Kepa Junkera dende Euskadi, e os gañadores da edición do ano pasado do certame folk Radio Obradoiro, Daniel Bellón e Diego Maceiras, acompañados por Álex Blanco.
Xa o domingo, máis tranquiliño, desfilarán as bandas de gaitas de Verín, de Candás, de Ladrido e de San Xiao do Trebo (Cariño), ademais da Banda Folixa d'Avilés, a Bagad Kemper (Bretaña), a Scottish Power Pipe Band, a Banda de Pauliteiros de Sendín (Portugal) ou a Escola de Gaitas de Ortigueira.
No Teatro da Beneficencia proxectarase ás 18.00 o vídeo gañador do Festival internacional de curtametraxes ACTÚA organizado por Intermón Oxfam. Dúas horas despois poderemos gozar do concerto de Rosa Cedrón, Entre dous mares.
O festival remata por todo o alto, cunha nova conexión entre Galiza e as illas británicas: a Scottish Power Pipe Band, Milladoiro, os irlandeses Dervish e Mercedes Peón pechan Ortigueira.