O principal ideólogo e líder máis politizado do movemento de software libre será un dos profesores do Máster que organiza Caixanova
Richard Stallman, o principal ideólogo da comunidade do software libre, acudirá a Galiza como profesor do primeiro Máster sobre este movemento que se organiza no país.
Stallman representa ao sector máis politizado deste movemento, pois pon diante a ideoloxía -especialmente a liberdade dos cidadáns para acceder ao coñecemento- sobre as vantaxes económicas que aporta o código aberto. É dicir, defende que debe pensarse en «libre» como «liberdade de expresión», e non como en "free beer", «cervexa gratis» en inglés.
Stallman, doutor honoris causa en catro universidades, é ademais fundador do GNU, grupo de programadores que desenvolve un sistema operativo e un conxunto de aplicacións abertas.
Outros relatores
O experto dará unha conferencia e impartirá un seminario, pero só para os alumnos do Máster que organiza Caixanova coa colaboración da coruñesa Igalia e a Universidade Rei Juan Carlos.
Miguel de Icaza (de Novell) e o coordinador da Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre, Marcelo D'Elia, serán outros dos profesores. A organización do curso aínda non confirmou as datas das conferencias deste Master, que comeza o vindeiro curso académico.