Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Voto emigrante

Cun 30% de inscricións indebidas aínda non hai garantías de que se vaia depurar o CERA

Non hai certeza da revisión do Censo Electoral de Residentes Ausentes para as próximas estatais, malia que desde a Xunta aseguran que estará realizada antes das galegas.

Redacción /Europa Press - 09:08 03/07/2007

A cita este luns do secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Luís Rodríguez, co director xeral de Emigración do goberno español, Agustín Torres, non serviu para que o Ministerio de Traballo estabelecese un compromiso firme coa revisión da limpeza do censo de emigrantes.

Desde o goberno español din que con probabilidade a depuración chegará a tempo para as próximas eleccións galegas, que de non haber adianto terán lugar en xuño de 2009, e indican que "non se descarta" para antes das próximas eleccións xerais, previstas para marzo. Así e todo, e aínda que Manuel Luis Rodríguez sinalou a urxencia de facer desaparecer do debate as "suspicacias" arredor da participación dos emigrantes nos comicios, non existe un plan concreto para levar a cabo as correccións. Malia iso, Rodríguez falou de "receptividade" en Madrid e asegurou que Traballo vaille trasladar ao Ministerio de Asuntos Exteriores a necesidade de que "coa maior brevidade" se proceda ás xestións necesarias para lograr unha depuración "definitiva" do CERA, onde hai inscritos 319.074 galegos.

"Mortos" inscritos e cidadáns "duplicados"
O voceiro en materia de emigración do BNG, Iago Tabarés, pediu explicacións e esixiu responsabilidades ao secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, polas irregularidades no CERA. Censurou Tabarés que mentres que durante a campaña electoral do 2007 se publicou que as inscricións indebidas no CERA supoñían un 15% do total, agora comunícase que "a cifra é do 30%".

Tabarés denunciou que son moitos os mortos inscritos e as inscricións duplicadas de emigrantes retornados que se poden atopar no CERA e que configuran así unha realidade "vinculada ao feito de que o voto no exterior se exerce por procedementos que non garanten a personalidade nin a identidade no seu exercicio".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: