O descenso nas axudas nos últimos anos agoira que non se cumprirán as metas fixadas para 2015, segundo as previsións da ONU.
Suecia, Noruega, Dinamarca, Países Baixos e Luxemburgo son os cinco países que na actualidade seguen o compromiso de destinar un 0,7% do Produto Interior Bruto para axuda ao desenvolvemento. Así o sinala o informe que as Nacións Unidas realizou sobre os avances nos bautizados no seu momento como Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. A nivel global, os países ricos realizaron doazóns o ano pasado que en conxunto apenas chegan a un 0,3% do seu PIB total.
O freo nas axudas oficiais e a fenda humanitaria no África subsahariano, son exemplo dos déficits que a ONU ve no camiño para a eliminación da pobreza. En 2006, e por vez primeira na última década, as axudas oficiais ao desenvolvemento mesmo caeron un 5,1% respecto ao ano anterior. O estudo reprocha o aumento do número de mozos sen emprego, cando menos dez millóns máis en todo o mundo desde 1996. Ademais sinala que ao tempo que se reduce a porcentaxe de poboación que vive na pobreza extrema nalgunhas zonas do planeta, caso do surleste e leste asiático, duplícase noutros lugares, como é o exemplo do occidente asiático.