Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Será anunciado o 19 de xullo

A muller de Kirchner quere ser presidenta

Se gaña, como adiantan as enquisas, converteríase na segunda muller en chegar á Casa Rosada. Crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 17:03 02/07/2007

Cunha intención de voto que supera o 40 %, segundo distintas enquisas, e con máis de trinta puntos de vantaxe sobre os seus competidores máis destacados, a muller do presidente da Arxentina e senadora polo peronismo, Cristina Fernández, competirá nas vindeiras eleccións do mes de outubro, segundo foi confirmado nesta fin de semana polo propio goberno arxentino.

Unha vez feito o anuncio, nesta fin de semana, e confirmado o domingo polo Xefe de Gabinete, Alberto Fernández, unha procesión de eloxios e loas á muller de Kirchner é o único que se escoita entre os funcionarios e cadros do oficialismo. Segundo foi adiantado, o lanzamento da candidatura farase público o vindeiro día 19 de xullo na cidade bonaerense de La Plata, a mesma data e o mesmo sitio onde Cristina Fernández anunciou a súa postulación como senadora hai dous anos.



Aínda que non foi confirmado o nome do seu compañeiro de fórmula e candidato a vicepresidente para as elección do 28 de outubro, soa con forza o nome dun home da Unión Cívica Radical (UCR) históricos opoñentes ao peronismo que non foron quen de saír da tremenda crise partidaria que significou o fracaso do goberno encabezado polo neto de galegos Fernando de la Rúa e que rematou na súa saída adiantada do goberno, fuxindo nun helicóptero no mes de decembro de ano 2001.

Sería a segunda presidenta arxentina

No que vai do ano, Cristina Fernández fixo distintas viaxes ao exterior onde se entrevistou cos principais lideres de Francia, Venezuela, Ecuador, Washington e Xenebra no que foi lido coma unha estratexia de proxección internacional da súa imaxe.

Segundo enquisas publicadas nestes días, Néstor Kirchner e Cristina Fernández teñen un fortísimo acompañamento dos arxentinos (aínda co desgaste que implica un primeiro goberno). A consultora CEOP sinala que a imaxe do Presidente ten un 75,3 % de apoio, mentres que a senadora acada un 61,0 %. Para Analogías, a imaxe positiva de Kirchner é dun 74,1 % e a da súa muller dun 60,7.

No momento en que foron feitas estas medicións, a candidatura da senadora Fernández non fora aínda confirmada. Con todo, a intención de voto para Néstor Kirchner era dun 53,6 % mentres que para ela era do 46,0. Moi lonxe quedaban os competidores: o ex ministro Roberto Lavagna cun 10,9 %; a ex radical e líder do ARI Elisa Carrió, 9,7; e o candidato de dereitas Ricardo López Murphy, 4,7.

De gañar as vindeiras presidenciais de outubro, Cristina Fernández sería a segunda muller en chegar á presidencia da Arxentina pero a primeira en ser elixida para ese cargo polo voto da cidadanía, a diferenza da muller e vicepresidenta do tres veces mandatario Juan Domingo Perón, María Estela Martínez de Perón, quen gobernou o país logo da morte do fundador do peronismo no ano 1974.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: