Logo de que Anxo Angueira nos levara até o curuto de Meda de Iria, agora Teresa Moure descobre a marabillosa historia dunha sobreira chamada Dosinda.
A Vieiros seguen a chegar mostras da mellor literatura do país. Este venres aparecen as palabras vizosas e sorprendentes de Teresa Moure. Por ela sabemos da historia de Dosinda, unha sobreira moi humana. Nun fermoso relato, a narradora fainos ver o importante que pode ser unha árbore para a vida dunha familia.
Moure prosegue o camiño aberto hai unha semana por Anxo Angueira. A eles iranse sumando unha longa lista de autores da talla, entre outros, de Xabier Cordal, Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Rosa Aneiros ou Darío Xohán Cabana. Da man deles percorreremos todo o verán até a chegada do outono.
Mais tamén queremos saber cal é a túa fraga favorita e que nos expliques a razón. Pérdete na boa sombra que dá esta fraga de relatos.