Os regatistas forman parte de selección estatal que estará en Portugal do 28 de xuño ao 13 de xullo. Trátase dunha cita crucial, da que saen o 75 % das prazas para ir aos Xogos Olímpicos de Pekín 2008.
Neste Mundial participan xuntas as once clases olímpicas, o que fai del unha competición preparatoria para os Xogos de 2008, cuxa sede para a vela será a cidade de Qingdao, a uns 500 quilómetros de Pekín.
Por detrás de Canarias (8), Andalucía e Cataluña (7), Galiza é o cuarto país que maís regatistas aporta ao equipo estatal, composto por 47 deportistas. Os seis galegos son Fernando Echavarri e Antón Paz (na clase Tornado); Roberto Bermúdez de Castro (na clase Star); Tamara Echegoyen (en 470 F); Miguel Fernández (en Finn); e Lara Cacabelos (en Yngling).
Mais, segundo contan dende a federación galega, Galiza non só contribue en cantidade, senón tamén en cualidade, xa que moitas das esperanzas para de acadar un moi bo posto e a clasificación para os Xogos Olímpicos están postas na tripulación formada polos galegos Fernando Echavarri e Antón Paz, que son segundos no ránkin mundial da clase Tornado.