David Cal compite pasadas as 11 horas da mañá da quinta feira e o resto de galegos no equipo estatal irán, un a un, inaugurando as novas pistas pontevedresas.
Un dos primeiros palistas en competir será Cal. O campión olímpico afrontará la distancia dos 1.000 metros arredor das 11 da mañá da quinta feira. De mañá Cal terá a oportunidade, ao fin, de se medir cos mellores palistas europeos e poder comprobar o seu estado de forma de cara ao Mundial, que se celebra en Alemaña a comezos de agosto.
Tamén pola tarde, arredor das 18 horas, será dos primeiros en competir, pero desta vez na distancia curta.
Pola mañá tamén lles toca remar aos galegos Alfredo Bea e David Mascato en C-2 1.000 metros, e Jovino Sánchez, acompañado do asturiano Javier Hernández, tamén competirá na sesión matinal, en K-2, 1.000 metros.
O kayakista Carlos Pérez, o único da selección estatal que gañou a medalla de ouro no anterior Mundial, debuta pola tarde en Verducido, con bastante competencia nesta primeira fase clasificatoria. E a outra galega máis coñecida, a Campioa do Mundo, Teresa Portela, compite tamén na quinta, en K-4, coa tamén galega Sonia Molanes e con Jana Smidakova e Isabel García.
35 países "adestrando" para Pekín
É só o primeiro día dunha competición que terminará o 1 de xullo nas pistas pontevedresas, e onde pode que máis de un dos deportistas galegos (9 na selección estatal) acaden algunha que outra medalla.
Os trinta e cinco países que participarán no Campionato de Europa de Piragüismo toman esta como a última proba de referencia antes de chegar, o vindeiro 8 de agosto, ao Mundial de Duisburgo (Alemaña) onde se decide a ansiada clasificación para os Xogos de Pekín de 2008.