Esta localidade do Incio, en Lugo, acollerá a segunda edición deste certame. O ano pasado presentáronse máis de trinta bandas, e este preséntase igual de intenso, cunha fin de festa espectacular, a cargo de Killer Barbies.
Prepárase xa a segunda edición do concurso de maquetas e festival Laiosa Soa. logo do éxito acadado o ano pasado, con máis de trinta bandas participantes, ampliouse o radio de acción deste certame ao norte de Portugal, e habilitouse unha web para podermos seguir as novidades e quen desexe participar poida xestionar a subida das súas maquetas á rede.
Os tres finalistas poderán amosar a súa obra o día 10 de agosto na Pista Polideportiva de Laiosa. Esa noite contaremos, ademais, coa actuación de Killer Barbies, a banda galega que xa arrasou en Alemaña ou Xapón, liderada por Silvia Superstar e Bili King. O xurado elixirá ese mesmo día ao gañador desta segunda edición, así como o segundo e terceiro posto. Os premios están dotados con 400, 200 e 100 €, respectivamente.