Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
VIII Encontros de Embarcacións Tradicionais

Todo listo para "a maior manifestación de patrimonio marítimo da Península"

Embarcacións tradicionais chegadas de toda a Península Ibérica e da Bretaña estarán amarradas do 5 ao 8 de xullo no peirao de Curuxeiras.

Redacción - 17:51 27/06/2007

Na súa presentación oficial, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acompañou o presidente da FGCMF, Fernando Piñeiro Oubiña, e o presidente do Clube do Mar de Ferrol, Bernardo Máiz, amosando así o seu apoio ao evento.

Xa é o sétimo ano que se organiza esta festa bianual, a denominada pola Xunta no seu texto de apoio como "a maior manifestación de patrimonio marítimo da Península", que Bugallo presentou no mediodía da cuarta feira, aproveitando tamén para promocionar un pouco o proxecto Nabeira08 e maila exposición que contén, Patrimonio do vento do sal: embarcacións tradicionais galegas, que está a levar por vilas e cidades do país, coa intención de dar un pulo á cultura marítima galega.

Exposicións, obradoiros, desfiles e moita música, ademais de merenda e festa

Entre as actividades que se van organizar en Ferrol, atópase unha selección de exposicións e información sobre asociacións e museos galegos, portugueses, asturianos, vascos e bretóns unidos polo seu traballo a prol da cultura marítima e fluvial.

Ademais, vai haber obradoiros destinados tanto a nenos e a nenas coma a maiores, a través dos que coñecer de preto os traballos das redeiras, dos cesteiros, dos modelistas navais e doutros oficios vencellados ao mar.

E moita música, xa que o encontro estará amenizado durante os catro días por grupos de música tradicional, con grupos como Malvela, Viravolta, o Real Coro Toxos e Froles ou o grupo Os Raparigos.

Está tamén programado un ciclo de cine do Mar e varios desfiles de embarcacións tradicionais pola ría ferrolá.

As I Xornadas Técnicas

Unha das novidades deste ano é a realización de xornadas técnicas cuxo obxectivo é dar a coñecer o estado actual de uso e de protección xurídica das embarcacións tradicionais e clásicas, así como establecer liñas de traballo para o futuro de cara a elaborar un novo marco normativo común a nivel europeo para a conservación e catalogación das mesmas.

Estas xornadas desenvolveranse a bordo do Hidria II, un antigo alxibe que durante o ano 2006 percorreu a costa galega dentro das actividades do Ano da Memoria.

Poderase subir a bordo dos barcos e participar nas regatas
Hai tamén programadas varias visitas guiadas arredor das diferentes tipoloxías de barcos e os visitantes tamén poderán embarcarse nos buques clásicos ou ben nos botes de pasaxe da ría de Ferrol, durante as regatas que se celebren.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na presentación, Ánxela Bugallo e Fernando Piñeiro falando
Na presentación, Ánxela Bugallo e Fernando Piñeiro falando
Poderanse ver as embarcacións tradicionais de moitos lugares
Poderanse ver as embarcacións tradicionais de moitos lugares
Haberá embarcacións de moitas nacionalidades (portuguesas, galegas, bretonas...)
Haberá embarcacións de moitas nacionalidades (portuguesas, galegas, bretonas...)
No Hidria Segundo desenvolveranse as xornadas técnicas
No Hidria Segundo desenvolveranse as xornadas técnicas