Os internautas Alberte, Xosé Manuel, Neo ou Birnarem e os colectivos Abriga, Agir e Adega, son algúns dos que máis recentemente fixeron uso da nova ferramenta "Vieiros Aberto".
En pouco máis dun mes de funcionamento o Open Vieiros recibiu xa máis dun cento de informacións, introducidas directamente polos internautas do país e que pasan a ser destacadas nunha pestana na propia portada de Vieiros.
Por exemplo, desde este espazo e se formas parte ou simpatizas con algún colectivo social e che gustaría que a comunidade vieiresca coñeza puntualmente a súa actividade, ti mesmo podes subir as súas novidades. Se cadra queres destacar un artigo do teu blog ou da bitácora dun amigo. Ou mesmo contar dalgún evento interesante que aconteceu a pé da túa casa. E incluso achegar algo que viches na rede que cres que lle pode interesar aos demais. Ti decides. Estás no Open.Vieiros.
Moi sinxelo
O sistema é moi simple. Antes de nada: debes ser usuario rexistrado en Vieiros, ter un "Vieiros de meu".
Para introducir a túa noticia, o primeiro paso é premer na opción "Enviar unha nova", que ves no cabeceiro. Aí entras nun editor moi sinxelo onde verás tres caixas: Título, Entradiña e Texto. Na parte de arriba de cada unha delas tes unhas ferramentas para poñer negriñas, cursivas, subliñados ou poñer links. Abaixo tamén están as correspondentes caixas a través das cales adxuntar fotografías ou documentos. En canto teñas o texto listo, preme o botón "Enviar".
Na portada do Open Vieiros verás dúas columnas. Á dereita as informacións segundo van chegando ao editor. Á esquerda, as que van pasando a portada. A redacción de Vieiros encárgase de actualizala varias veces ao día.
E agora: os debates
En probas desde a pasada noite electoral, a pé do Open Vieiros achegámosvos agora outra ferramenta. Calquera internauta rexistrado pode propoñer asuntos para a discusión. De xeito moi simple, con só premer no apartado "Iniciar debate" un formulario pídevos un título, afirmación ou pregunta, e unha breve explicación. Automaticamente, a proposta de discusión aparece visíbel para o resto de participantes.