A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, ofreceu na segunda feira unha recepción aos membros das seleccións galegas de taekwondo que nesta tempada acadaron 95 medallas en campionatos estatais e 68 en internacionais.
Antes do acto de recepción, os membros da selección galega fixeron unha exhibición do que saben facer, e logo Marta Souto, xa no encontro cos deportistas, agradeceu o traballo, esforzo e dedicación deles, dos adestradores e dos directivos, aos que se dirixiu dicindo: "sodes verdadeiros embaixadores dun país que se chama Galiza".
"Están a se facer as cousas ben e temos un futuro prometedor por diante se seguimos por ese camiño"
Na recepción tamén estaba a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Mercé Barrientos, que dixo estar orgullosa de estar á fronte dunha entidade que conta con grandes técnicos e deportistas, que, segundo dixo, seguen os cinco principios básicos do taekwondo: cortesía, integridade, perseveranza, espírito indomable e autocontrol.
Como máxima responsábel do deporte galego, Marta Souto pechou o encontro cos e coas taekwondistas confiando "en que haxa unha representación do taekwondo galego nos Xogos Olímpicos de Pekín em 2008".