Xosé María Lema Suárez é o autor da letra e Xavier Comesanha da música dunha peza que se estreará no Teatro Principal da Estrada.
Eduardo Pondal, autor da letra do Himno
O vindeiro sábado ás nove da noite estrearase no Teatro Principal da Estrada a habanera Cen anos hai, que conmemora o centenario do Himno. A peza, escrita por Xosé María Lema Suárez e con música de Xavier Comesanha, naceu na Habana, a mesma cidade en que se estreara a versión musicada d'Os pinos.
Lema Suárez explicou que a idea de crear unha habanera en galego xurdiu a finais do ano pasado na capital cubana. O tema está inspirado no texto de Pondal e iso reflíctese na súa linguaxe. A coral polifónica estradense ten previsto incluír Cen anos hai no seu repertorio, e mesmo é probábel que a Real Academia Galega organice un acto a finais de ano no que se interprete a habanera.
O autor da letra tamén anunciou que, concidindo coa estrea, entregarán un libreto coa letra, que tamén recibirán as orquestras do país. Pola súa banda, o responsábel da música, Xavier Comesanha, dixo que pretendeu unificar os sons da Habana cos tradicionais galegos, para darlle á peza unha forma singular. Así, as dúas primeiras estrofas teñen sons da terra, e o resto unha forma máis típica de habanera.
Esta é a letra orixinal da habanera, antes de que se modificase lixeiramente para adaptala á música:
Cen anos hai (2007)
Baía da Habana,
na beira mar,
ó vaivén das ondas
un galego soña
coa patria natal.
Cen anos hai, coa patria natal, cen anos xa.
“Tes, Patria, bandeira
azul e albar,
Academia da fala,
gardiá da palabra
¡só falta un cantar!
Cen anos hai, só falta un cantar, cen anos xa.
Un áulico canto,
atruxo do clan,
baril, rexo alento
xurdido do peito
da grei de Breogán”.
Grandiosa estrea,
vinte de Nadal,
buligan as meigas,
musica de Veiga
á oda de Pondal
Capital cubana,
Teatro Nacional,
resoan as notas:
Galicia xa conta
cun himno inmortal.
Malecón da Habana,
beira doutro mar,
quedaban as ondas
musitando a oda:
cara a Galicia van.
Cen anos hai, cara a Galicia van, cen anos xa.