O Maio Cultural Galego de Rede.cat ofreceu un programa intenso de exposicións e conferencias. O prato forte do mes, o SonGaliza, trouxo a espazos emblemáticos de Barcelona unha boa selección da creatividade galega actual.
Do 11 ao 13 de maio, polo Palau de la Música e a Praça del Rei pasaron Nordestin@s, Mercedes Peón, Berrogüetto e Nova Galega de Danza, canda os artistas cataláns convidados do grupo Dumbala Canalla e a cantante Rosa Zaragoza. Tamén houbo conferencias, debates e obradoiros encol da música tradicional na Galería Sargadelos e nas Aules de Música Tradicional, cuxos músicos actuaron xunto dos do conservatorio Folque de Lalín e da escola de Artes e Oficios de Vigo.
Vieiros Barcelona entrevistou os responsables directos da organización para valorar este primeiro SonGaliza. Con nós: Xosé Mari Sancho, Sara Louro e Xurxo Insua.
Vieiros Barcelona: O Palau de la Música e a Plaça del Rei enchéronse para escoitar e ver música e danza... en galego e en clave galega. Que tipo de público había?
Xosé Mari Sancho: Moita diversidade. Aínda que había un número importante de galegos, tamén se atopaba moito catalán e moita xente que veu pola curiosidade dos espectáculos.
Sara Louro: Público de Barcelona independentemente da súa nacionalidade, con ganas de escoitar boa música e disfrutar dos espectáculos.
V.B.: Non todo o público coñecía previamente os espectáculos que foron ver. Que sabedes da acollida do público catalán... e do "galego-catalán"?
XM.S.: Boa. Eu falaría de sorpresa e nalgúns casos de orgullo. Moita xente descoñecía o que se esta a facer neste intre en Galiza a nivel de cultura e música, mesmo os galegos.
S.L.: O público en xeral acolleu moi ben o SonGaliza, tanto os concertos que se fixeron na praza do Rei como no Palau tiveron gran cantidade de público, que disfrutaron tanto da música como do espectáculo de danza.
Xurxo Insua: Si, entre a xente que non ten ningunha vinculación con Galicia, a reacción maioritaria foi de grata sorpresa. Cumpriuse co obxectivo de ofrecer unha imaxe novidosa e atraínte da música galega.
V.B.: As conferencias, debate e talleres estaban pensadas para o intercambio entre músicos galegos e cataláns, como as valorades?
XM.S.: Moi positivo, se cadra os actos máis a valorar. Os talleres enchéronse con moitos músicos cataláns e mesmo xente vencellada á música que pertencía a outros países: Alemaña, Italia, Canada... A conferencia encheuse e non se daba entrado nela... No referente ao debate, se ben a participación non foi a desexada (sempre estes actos son complicados de encher) foi moi positivo que os participantes escoitaran o que estaban a dicir os seus homónimos e sentaran bases para futuras colaboracións, intercambios..., nos seus ámbitos.
S.L.: Os talleres tiveron unha acollida moi boa sen facer gran publicidade o cal demostra que este tipo de intercambios tería que ser máis habitual, xa que existe un gran interese. Dende SonGaliza pensamos que foi un dos actos máis importantes do ciclo e que se tería que fomentar moito máis dende as institucións para vindeiras ocasións, facendo talleres máis extensos.
X.I.: Forma parte dun traballo de fondo de Rede.cat: tecer lazos de relación estable e produtiva entre elementos activos das sociedades galega e catalá.
V.B.: O programa tivo tamén boa acollida nas institucións, segundo a rolda de prensa que se celebrou uns días antes.
S.L.: Cando se presentou o proxecto as institucións interesáronse enseguida, supoño que a idea de facer un intercambio entre a música tradicional galega e a catalá era un proxecto o suficientemente atractivo e novo, aínda que a o concepto de intercambio e un dos conceptos máis antigos da historia, pero algunhas cousas van a modiño...
XM.S.: A verdade é que pór en contacto as institucións galegas e catalás para participar nunha actividade conxunta non se tiña feito. Cumpría levarlles un proxecto axeitado e que tivera obxectivos e marcara diferenzas co resto que se tiñan feito. Neste caso conseguímolo.
X.I.: Hai compromiso de continuidade, o que ofrece a posibilidade de ir consolidando o proxecto.
V.B.: Faládenos do cartel, houbo interpretacións para todos os gustos?
X.I.: estamos moi satisfeitos co traballo que Paadin (de La Mosca) fixo para a imaxe do ciclo.
XM.S.: A verdade é que non deixa indiferente e o concepto racha co habitual: gaitas, cunchas do apóstolo, mapa de Galiza...
V.B.: Nunha cidade tan "cosmopolita" como Barcelona, que lugar ocupa a música con raíz?
XM.S.: É unha música que eiquí ten un espazo reducido. A música de raíz, a tradicional, a “world music” esta moi vencellada ao desenrolo, a pervivencia dunha cultura viva. En Catalunya esta cultura aínda esta nun proceso de recuperación. En Galiza non atopas unha festa, hoxe en día, sen o seu concerto de folk o tradicional. Eiqui aínda non se chegou.
X.I.: A música folk galega é seguramente a máis vital do Estado, por iso tamén ten cousas que aportar en Catalunya. Doutro lado, aquí o sistema educativo tradicional está moi desenrolado, por exemplo. Xente de Galicia pode tomar nota (e xa o ten feito) para aplicar o que conveña alá.
S.L.: Barcelona ten unha gran oferta de música de todo tipo,e a música tradicional ten o seu pequeno espazo, pero aínda ten que medrar moito para chegar a o gran público e ter máis repercusión a nivel mediático.
V.B.: Que é SonGaliza: un festival de música, unha plataforma de intercambio entre músicos galegos e cataláns...?
XM.S.: É un ciclo de mostra do mellor de cada casa. É un intercambio para atopar o xeito de botar todos xuntos para diante e atopar o apoio e as ferramentas duns e doutros nun camiño onde todos nos necesitamos.
S.L.: Un intercambio cultural onde se mostra en Catalunya a música de Galiza e si se pode no futuro, mostrar en Galiza a música de Catalunya.
V.B.: Seica vai haber un SonGaliza 2? Pódese adiantar algo?
XM.S.: As administracións amosaron a súa vontade que o novo SonGaliza se artelle en Galiza con grupos e programación catalá. É un ciclo de intercambio. De tódolos xeitos haberá que redefinir aspectos para tomar a decisión de botarnos de novo mans na maseira.
X.I.: Queda moito espazo para mellorar. Cando volte aquí (dentro de dous anos) esperamos facelo.
V.B.: Moitas grazas a tod@s.
XM.S.: As que tedes vós.
S.L.: Grazas a vós.
X.I.: A Vieiros por toda a cobertura do ciclo, e grazas a toda a xente dentro e fóra de Rede.cat que o fixo posible.