A reforma da Lei de Réxime Local forzará os criterios estabelecidos a nivel de Goberno, segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu.
"Hai que introducir na vida local principios que xa están implantados na vida autonómica", explicou o conselleiro ás portas da xuntanza que este xoves mantivo con representantes dun cento de concellos do país para debater sobre administración electrónica.
Referíase Xosé Luís Méndez Romeu á reforma que a Xunta estuda para a Lei de Réxime Local de Galicia. O proxecto inclúe a incorporación de criterios xa estabelecidos a outros niveis na Lei de Transparencia e de Boas Prácticas e na Lei de Subvencións. Estes requirimentos serán agora introducidos "paulatinamente" no ordenamento xurídico local.
Méndez Romeu asegurou que todos os cambios previstos van ser deseñados na procura do consenso coa Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp. Ao respecto, referiuse ao Pacto Local subscrito hai xa case dous anos e lembrou acordos como os conseguidos ao fío da Lei de Coordinación de Policías Locais e á Lei de Prevención de Incendios Forestais. Doutra banda, falou da posíbel reforma na Lei Reguladora de Facendas Locais, como "instrumento de modernización", e avanzou que a próxima Lei da Función Pública de Galiza traerá a continuación un texto específico relativo ao mundo local.