Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Kino, batería dos Skacha e dos Transilvanians

"Non sei qué pasa en Vigo cos movementos musicais, habería que facer un estudo!"

Con sete traballos discográficos xa editados a veterana banda de punk viguesa Skacha leva o seu amplo repertorio de xira por Galiza.

Redacción - 13:30 23/06/2007
Imaxe de Kino, á batería con Skacha

Imaxe de Kino, á batería con Skacha

Hai algo estraño en Vigo, porque paire cada ano máis bandas que calquera outra cidade ou vila galega, e porque a meirande parte dos grupos que nacen no sur teñen algo que os fai diferentes, sexa cal sexa o seu estilo. Os Resentidos, os Siniestro Total, Golpes Bajos, Víctor Coyote, Killer Barbies, Aerolíneas Federales, Def Con Dos, e mesmo os popeiros Los Piratas naceron en Vigo, e cada grupo garda unha orixinalidade en sí mesmo que o fai diferente doutras bandas do estilo.

Tamén en Vigo naceron os Skacha, hai hoxe preto dos dezaséis anos, e seguen a facer o punk co que comezaron. Vieiros fala con Kino, batería dos Skacha e coñecedor, dende cativo, do movemento punk vigués de finais dos oitenta e dos noventa enteiros.

Vén de traballar e case non o collemos… vai ensaiar con Skacha?
Pois non, que hoxe toca ir ao estudio. Estamos a gravar un "disco póstumo" dos Keltói! –unha das moitas bandas ás que pertenceu-. Levamos un par de anos separados, mais decidimos gravar un disco cun par de temas novos e cos de sempre. Imos por partes, con calma, nos anquiños de tempo que temos, porque todos estamos agora con outros proxectos e noutras cousas. Xa andamos nas mesturas, e hai gravados seis temas, aos que imos engadirlle catro máis, se cadra. Aínda que non estamos todos –Mikele, o guitarrista, marchou a Italia- estamos tratando de recoller as cousas que ficaron por dicir, e están saíndo algunhas novas.

E cando vai saír?
Supoño que comezos do ano que vén vai estar xa na rúa.

Vostede viviu moi de preto o movemento Punk vigués dos últimos 90. Tocou en varias bandas e desenvolveu varios proxectos durante máis dunha década. Que fixo todos estes anos?
Andei en moitas cousas, algunhas pouco serias antes de comezar cos Transilvanians, con Cascudas do Camiño Vello ou Trapelleitors. Agora toco en Skacha e nos Transilvanians a batería, mais teño tocado tamén con Keltói! e Disturbio 77, dúas bandas de punk de Vigo. Comecei a tocar con quince anos en Skacha, como baixista, o instrumento que ninguén quere, pero se gustas da música, podes facer con el o que queiras. No ano 1991 xuntámonos, e no 1993 gravamos a primeira maqueta no local dos Desvirgheitors, outra das míticas bandas viguesas. Nós ensaiabamos no soto da casa dos meus avós, no vello barrio vigués de Coia, e os Desvirgheitors ensaiaban a carón de nós. Foron coma os nosos "papis" musicais. Gravaron a nosa primeira maqueta, con cuatro micros, un par de pistas… fixemos arredor de oitenta copias en fitas TDK, con oito cancións. Nós mesmos distribuímos a maqueta.

E despois?
Despois veu o Sempre Ceibes, gravado no 95, máis a nivel profesional, en Sonoroterapia. Unha fita de fábrica e a toda cor. Distribuímos cincocentas copias e vendéronse moi ben. No 96 pasouse a cedé. Nesta época eu aínda era baixista de Skacha. O ano a seguir saíu Xustiza Cega, un minicedé con sete ou oito temas. Despois disto Xosé, o batería, abandonou o grupo, así que comezamos a buscar desesperadamente outro. Agora é simple, pero naquela altura era case imposíbel atopar un batería que gustase do Punk e que se comprometese coa música de Skacha. Daquela eu comecei a tocar tamén con Keltói! e cos Disturbio 77. Decidín pórme á batería en Skacha, e aí sigo sentado. Estou moi tranquiliño na batería e é dos instrumentos que máis me gusta, aínda que o baixo tamén me encanta.

Daquela, houbo un período no que tocaba nas tres bandas
Si, houbo unha época na que tocaba a guitarra e depois o baixo en Keltói! e a batería en Disturbio 77 e en Skacha. Despois tocaba a batería nos tres grupos. Keltói! estivo tocando 10 anos xustos, entre 1995 e 2005. Os Disturbio estiveron xuntos entre 1996 e 2001 ou 2002. Na última etapa de Disturbio eu xa non estaba, e entrou Manuel, de Skárnio, a tocar a batería.

E agora aínda segue, porque seica está a un tempo en Skacha e nos Transilvanians. Como vos van as cousas aos Transilvanians? Van saíndo concertos?
Si, estamos moi lusionados, porque van saíndo concertos por Ourense, por Compostela… estamos distribuíndo nós mesmos o disco e o vinilo está a se vender moi ben. A finais do ano queriamos gravar un LP, de toda a vida, con dez ou doce cancións. Xa temos cuatro ou cinco novas, e imos aos poucos.

E en Skacha, como van as cousas? Pensaron xa en gravar algo novo?
En Skacha estamos comezando unha nova etapa xa que somos un cuarteto por primeira vez en moitos anos. Ficamos parados un tempo, revisando temas, con algunha canción nova no maxín, algunha versión… Cremos que o repertorio que agora temos está un pouco queimado. Hai ideas novas e non imos tardar en gravar algo. Polo de agora acabamos de subir todos os nosos cedés á rede, e seguimos a traballar, na xira.

Que cre que é o que pasa en Vigo? Porque hai varias xeracións nun só movemento musical, o punk. Nacen novos grupos e proxectos cada ano, como os Essenzia de Lapo, por exemplo, e hai moito que contar… cre que ten Vigo algo especial para ser o berce do Punk en Galiza?
É certo, mesmo noutras cidades galegas non hai tanto movemento musical como en Vigo, e non me refiro só ao Punk, senón a outros estilos, mesmo máis comerciais como o Pop de Los Piratas, ou La Marabunta, Golpes Bajos... outras bandas como Os Resentidos, Siniestro Total… con temas orixinais e un estilo diferente de todo o que se fai no resto del Estado. Creo que sexan do estilo que sexan, as bandas viguesas son diferentes.

E en canto ao movemento punk, en Vigo houbo e segue a haber varias xeracións. A primeira, cos Siniestro Total, os que triunfaron, e grupos como Triunfos Copas, Cancro de Mama, Cruce de Cables, os Desvirgheitors, que quedaron no camiño… son xente que agora ten uns corenta, corenta e cinco anos; xente dos oitenta. Despois estamos nós, toda a nosa xeneración, que tocou nos 90, e as que veñen detrás, que están aínda comezando e sacando novos traballos. A verdade, non sei qué ten Vigo. Será por ser unha cidade de "currelas", pola industrialización… habería que facer un estudo!


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A formación actual de Skacha, con Kino no centro
A formación actual de Skacha, con Kino no centro
Un dos concertos da banda de punk, con Esteban ao micro
Un dos concertos da banda de punk, con Esteban ao micro
Os Transilvanians, un outro grupo vigués no que toca Kino
Os Transilvanians, un outro grupo vigués no que toca Kino
Cedé que recolle temas das novas bandas de punk viguesas
Cedé que recolle temas das novas bandas de punk viguesas