O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación advirte que non abonda un aparato de órbita baixa, senón "un tren de satélites" para lograr unha cobertura útil. En Cataluña xa desbotaron esta opción.
Touriño na reunión na que se falou do satélite
Lanzar un satélite de órbita baixa para acabar cos problemas de acceso ás novas tecnoloxías no rural. Este sorprendente plan anunciado polo presidente galego, Emilio Pérez Touriño, presenta importantes problemas técnicos, segundo varios expertos consultados por Vieiros. Os técnicos tamén indican que Galiza non ten capacidade de realizar este proxecto por si soa.
Luís Romero, da xunta de goberno do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, advirte que non abondaría con lanzar un satélite de órbita baixa, tal e como pretende a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FGSC). “Para lograr unha cobertura continúa serían necesarios varios satélites de órbita baixa, algo así como un tren de satélites que pasaran sucesivamente sobre Galicia” apunta Romero; que cualifica de “moi complicada” esta posibilidade.
Un satélite só dá para unhas horas
No caso de lanzar un único satélite de órbita baixa, Galiza só tería cobertura, como moito, a certas horas, cando o satélite pasara enriba da Comunidade, explican dende o Colexio.
É máis, segundo este experto, Galiza non ten capacidade de lanzar por si mesma sequera un satélite de órbita baixa, polo que habería que participar nun consorcio internacional.
Poderíase facer parte da “carga útil”
Na súa opinión, as universidades e empresas do país poderían encargarse da fabricación de parte dos equipos, pero nunca do desenvolvemento por completo do aparato. E menos do seu lanzamento, algo para o que, segundo este investigador da USC, só están preparados estados como Brasil, China ou os EE.UU.
En todo caso, Romero cre que é “unha moi boa idea” que a FGSC encargase un estudo de viabilidade. Cos datos deste informe poderíase decidir se é realizábel a proposta anunciada por Touriño.
Cómpre unha “constelación de satélites”
Dunha opinión similar é Carlos Pedreira, enxeñeiro de telecomunicacións e responsábel de novas tecnoloxías da Fundación Cidade da Cultura. Pedreira explica que, para ofrecer unha cobertura constante mediante satélites de cota baixa, cómpre non un, senón unha “constelación de satélites”.
Un proxecto que, na súa opinión, “escapa das posibilidades económicas e técnicas da Xunta”. Pedreira considera que para solucionar o problema da fenda dixital no rural sería mellor investir en redes terrestres. Tamén lembra que en Cataluña xa se pensou en usar satélites de cota baixa, opción desbotada finalmente.
Vieiros solicitou máis detalles do proxecto á Presidencia da Xunta para avaliar a súa viabilidade. Fontes do Goberno sinalan que, polo de agora, non hai máis datos que os adiantados onte por Touriño.