O Centro Deportivo de Pontillón do Castro acollerá entre o 26 de xuño e o 1 de xuño o Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas. Vai funcionar como anexo ao Centro de Tecnificación Deportiva.
O Centro Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido-Xeve, será inaugurado na quinta feira, á tardiña, pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, quen estará acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; e a responsable de Infraestructuras do CSD, Inmaculada Martín Caro.
O centro, que custou uns 9 millóns de euros, pagados entre a Xunta e o goberno español, vai funcionar como un anexo ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.
Os palistas do Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas serán os primeiros en estrear as instalacións. Entre eles están os galegos Teresa Portela, David Cal, Jovino González, Jaime Acuña, Carlos Pérez, Alfredo Bea ou David Mascato, que xa tiveron a oportunidade de probar a pista de auga de Verducido, o que fai que vaian con vantaxe sobre os seus competidores.
Un centro que leva de todo
A edificación está construída a xeito de cuña artificial integrada na paisaxe e parte do bordo do pantano, comezando a continuación da presa do encoro e chegando até o sur da pista de piragüismo. Ten unha bancada integrada na montaña, para a celebración de competicións con espectadores; unha torre de control situada a continuación da bancada, coincidindo coa liña de meta, que albergará aos árbitros e ao comité de competición; unha cafetería; unha tenda; un almacén de piragüas; e un ximnasio con vistas ao pantano.
Ademais hai unha peza cos vestiarios e a zona de aluguer de material, para quen se queira achegar por alí a remar un chisco, e unha pista arredor no recinto, onde se poden practicar outros moitos deportes, e para a preparación física dos e das palistas.