Agarda que o BNG non tome medidas por ter pactado co PPdeG aínda que asegura que é comprensíbel que o faga.
O pacto entre os catro concelleiros do BNG e os tres do PP de Muros levou a Domingos Dosil á alcaldía. A dirección nacionalista xa advertiu que tomará medidas contra os concelleiros dos tres municipios que racharon o pacto nacional. Dosil recoñece que días antes do pleno houbo contactos da executiva do BNG para intentar que non pactasen cos populares.
Domingos Dosil explicoulle a Vieiros que a maioría da militancia do BNG local estaba en contra dun pacto co PSdeG. Asegura que “a xente está moi queimada por todas as xogadas que nos fixeron os socialistas nos últimos anos”. Dosil é consciente de que o BNG é moi probábel que lles retire o seu aval: “Eu vexo esta posibilidade con desilusión pero resignado. Tamén comprendo que o BNG ten unha política nacional”. Aínda así, afirma que van explicarlle á dirección a razón de ter dado este paso.
A maior parte da súa actividade pública céntrase na etapa en que presidiu a Confederación Galega de Minusválidos, Cogami. Dosil afirma que simpatiza co nacionalismo dende a décadas dos setenta, cando colaborou coa Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), aínda que non ten reparo en afirmar que "a coalición ímola levar deixando a un lado a ideoloxía e gobernando para todos".