O IES Escolas Proval da Ramallosa queda fóra dun proxecto de instalación de placas fotovoltaicas pola falta de acordo entre a Consellaría de Educación e o IDAE.
Un centro de ensino secundario de Nigrán quedou fóra dun proxecto de promoción da enerxía solar pola falta de acordo entre Educación e o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE). O IES Escolas Proval, da Ramallosa, quedou fóra do programa Solarízate, posto en marcha polo IDAE e Greenpeace.
Escolas Proval fora seleccionado xunto a un cento doutros colexios públicos do estado español para se beneficiar, de xeito gratuíto, da instalación de placas solares para a xeración de enerxía limpa. O director do instituto, Manuel Martínez, explicou que a falta dun convenio entre a Xunta, que é titular do centro educativo, e o IDAE; promotor de Solarízate, impediu que saíse adiante, polo momento, o programa.
O acordo contemplaba a instalación, durante un prazo de 20 anos, de placas solares que servirían asemade como experiencia educativa. De todos os xeitos, o director do centro confiou en que finalmente se chegue a un acordo entre as dúas institucións para que se poida poñer en marcha o programa Solarízate. Martínez dixo que non recibiron unha denegación firme, senón o aviso de que se segue a negociar. Malia que xa rematou o prazo, expresou a súa esperanza en que a burocracia non impida que o instituto participe no proxecto.