Comunicación e o Consello da Xuventude abren o prazo de recepción de candidaturas a 18 galardóns.
Logotipo do concurso
Está aberto o prazo para presentar traballos para a segunda edición do concurso Curtas na Rede, que organizan a Secretaría Xeral de Comunicación e o Consello da Xuventude coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración. O certame premiará as mellores creacións audiovisuais de formato curto, tanto para residentes en Galiza como no exterior.
Os traballos que se poden enviar ao concurso non deben exceder os 5 minutos e deben tratar sobre xuventude, inmigración, medio ambiente ou visións alleas/visións nosas. Nesta ocasión tamén se abre a convocatoria a pezas de non máis de 30 segundos, de temática libre e realizadas cun teléfono móbil.
Entregaranse 18 premios, para as categorías de 15 a 22 anos, de 23 a 50 e de 51 en diante, á mellor interpretación feminina e masculina, un premio do público, a unha das persoas inscritas como votantes e á mellor bitácora do concurso. Ademais, haberá 1.500 euros para vídeos sobre inmigración en cada un dos tres grupos de idades, que concederá Emigración.
As obras presentaranse no Centro Multimedia de Galicia antes do 15 de setembro. Nas webs de Curtas na Rede e mais de Galicia Aberta pódense consultar as bases completas e, na primeira delas, sométense a votación as curtas presentadas.