Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para a protección de menores na India

Urmi Basu reunirase con Cooperación Exterior

A presidenta do programa New Light, que loita pola igualdade de xénero e evitar a violencia e a explotación en Calcuta, estará estes días en Galiza. Poderemos asistir a unha conferencia súa no Club Internacional de Prensa da Coruña.

Redacción - 11:05 18/06/2007
Urmi Basu

Urmi Basu

A presidenta do programa de desenvolvemento comunitario New Light (Calcuta), Urmi Basu, chega a Galiza para se reunir coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e o Concello de Oleiros, entre outras entidades, este luns 18 de xuño. Ás 18.00 estará, ademais, no Club Internacional de Prensa da Coruña para dar unha charla. Estará acompañada polo persoal técnico da oenegué que apoia a New Light en España, Mundo Cooperante, e pola presidenta desta asociación en Galiza, Rosa López.

Estas institucións cofinanciaron a compra da casa de acollida "Fogar Meridional Soma Home", xestionada por New Light en Calcuta. Alí son atendidas actualmente 26 nenas e adolescentes procedentes dun dos máis pobres barrios da populosa cidade india. O funcionamento diario do centro está financiado pola Fundación Meridional.

Urmi Basu naceu nunha familia bengalí. O pai, médico, atendía a persoas sen recursos, e o seu contacto cos sectores da poboación máis desfavorecidos foi unha das motivacións para encarreirar a súa traxectoria profesional polo traballo social. Foi testemuña das duras condicións de vida do barrio vermello de Kalighat: a indefensión das mulleres explotadas, os centos de fillos e fillas das traballadoras sexuais que vagaban polas rúas desprovistos de atención. Creou entón New Light, que se consolidou como un referente contra a explotación sexual e a propagación da Sida.

A súa misión principal é promover a igualdade de xénero mediante programas educativos e de capacitación para os nenos e nenas da comunidade, e reducir os danos causados pola violencia e o abuso a mulleres e novas. Actualmente atende a máis de 150 menores en tres procesos distintos. Un deles é o fogar de acollida que foi posíbel adquirir grazas á cooperación galega.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: